Manifesto liderado por Xavier Vence decreta fin de ciclo do BNG e pide unha alianza coa Marea

Baixo o lema 'Chamamento de Vidán' reclaman "un gran acordo electoral" como "alternativa ao PP" en 2016. 

Xavier Vence_BNG
photo_camera Xavier Vence [Imaxe de arquivo / BNG]

Sesenta e tres sinaturas entre as que se atopa a do ex-portavoz nacional do BNG, Xavier Vence, a portavoz en Bruxelas, Ana Miranda e as deputadas Carme Adán e Tereixa Paz, veñen de lanzar o 'Chamamento de Vidán'. Un manifesto no que se declara o "fin de ciclo" do BNG e se insta a organziación frontista a unha alianza coa Marea de cara ás eleccións ao Parlamento de Galiza do mes de outubro. 

"Resulta inescusábel admitir o fin de ciclo da organización nacionalista" 

As persoas asinantes aseguran que o nacionalismo se atopa a día de hoxe "nunha encrucillada como non ocorría desde hai décadas" por mor do "devalo socio-electoral do BNG" o que ao seu entender "permite emitir unha diagnose onde resulta inescusábel admitir o fin de ciclo da organización nacionalista". 

Fronte a isto, entenden que a "alternativa política" da Marea "foi quen de focalizar o interese social dunha parte maioritaria do electorado nacionalista" polo que chaman a constituír un "gran acordo electoral" como "alternativa ao PP" nos comicios de outono. 

Coidan que a incapacidade de En Marea para representar os intereses de Galiza emana da "debilidade do seu polo nacionalista"

Así as cousas, sinalan, a perda de apoios electorais sufrida por En Marea nas eleccións do pasado 26 de xuño deixa ver a "incapacidade" desta formación "defender os intereses de Galiza" como consecuencia, din, "dunha debilidade, cada vez máis evidente, do seu polo nacionalista". 

Neste contexto, propoñen a creación dunha "organización nacionalista de nova planta, sólida, con vocación maioritaria, transversal e que xunte a todas as persoas que teñen Galiza como nación" através da que "levantar unha nova alternativa que aglutine a dispersión e devolva a esperanza de cambio á maioría social" así como convocan "a galegas e galegos, a todos e todas as galeguistas e nacionalistas, a celebrar en fraternidade" o 25 de xullo, Día da Patria Galega. 

Comentarios