18-F

Máis de 60.000 euros para divulgar entre as comunidades galegas no exterior as actividades da Xunta

A Secretaría Xeral de Emigración vén de adxudicar un Servizo de divulgación en soporte papel das súas actividades entre os emigrantes.

Rueda miranda suiza foto da xunta
photo_camera Alfonso Rueda e Antonio Rodríguez Miranda nun acto con emigrantes en Suíza. (Foto: Xunta da Galiza)

A Xunta da Galiza sabe ben da importancia das comunidades de emigrantes galegos no exterior, un colectivo para o cal cando se achegan datas electorais manda diversas chiscadelas e intensifica o ritmo de visitas de cargos institucionais.

A convocatoria das eleccións galegas implica certa limitación das viaxes institucionais dos membros do Goberno galego. De aí que nos meses previos a que se achegu a data das eleccións haxa importantes movementos de conselleiros e altos cargos entre a diáspora galega.

E de aí que na segunda metade de 2023 o presidente da Xunta da Galiza, Alfonso Rueda, estivese en Suíza, a conselleira de Política Social, Fabiola García, viaxase a Arxentina, Suíza e Uruguai; a de Economía, María Jesús Lourenzá a México; ou o de Educación e Cultura, Román Rodríguez, a Uruguai e Arxentina. En todas estas viaxes houbo contactos e citas coas comunidades galegas emigradas.

Para alén das viaxes, outro aspecto que a Xunta da Galiza coida é o da divulgación das súas propostas e actividades entre as comunidades galegas no estranxeiro. De feito, este día 6 figuraba na Plataforma de Contratación da Xunta da Galiza a adxudicación dun servizo de divulgación en soporte papel das actividades da Secretaría Xeral da Emigración nos países de Europa onde estean asentadas as Comunidades Galegas máis significativas.

O tipo de procedemento de adxudicación foi o de negociación sen publicidade, cun valor estimado de 50.000 euros que dá nun orzamento base de licitación de 60.500 euros (incluído IVE). Esta adxudicación foi para Ediciones Espaexterior S.L., única presentada, con sede en Vigo, unha empresa que se dedica á edición e distribución de todo tipo de publicacións, e con traxectoria no que se refire a publicacións para comunidades emigrantes.

Dos 2.693.624 de galegos e galegas que poderán votar o 18-F, segundo os datos que publicou onte o Instituto Nacional de Estatística (INE), 2.217.110 residen na Galiza e 476.514 no estranxeiro. Ademais, 79.072 persoas poderán participar por primeira vez nunhas eleccións ao Parlamento da Galiza, por facer 18 anos desde a anterior votación nuns comicios galegos, que decorreu en 12 de xullo de 2020.

As persoas inscritas no CERA  con dereito ao voto na Galiza representan 17,6% do conxunto do corpo electoral galego. Asemade, esta porcentaxe non deixou de medrar nos últimos 30 anos, pasando de representar 4,6% en 1993, chegando en 2008 a 12,4% e incrementándose uaté 2023.

Por países, Arxentina é o que maior número de electores galegos contabiliza, con máis de 166.000 persoas, mentres que Cuba e Brasil superan os 45.000. En Uruguai case chegan aos 37.000, mentres que en Suíza son 33.700, en Venezuela 26.000 e en Estados Unidos máis de 22.000.

Comentarios