A dureza da emigración, nunha mostra

A emigración galega a Barcelona foi unha realidade tan real como dolorosa para millares de familias que tiveron que saír do país en busca dun futuro mellor. O proxecto Proximidade Llunyana achega agora unha perspectiva en feminino do que foi ese éxodo rural de posguerra, unha visión moitas veces esquecida.
Unha sala da exposición 'Proximidade Llunyana' no Museo de Lugo, dependente da Deputación. (Foto: Rede Museística de Lugo)
photo_camera Unha sala da exposición 'Proximidade Llunyana' no Museo de Lugo, dependente da Deputación. (Foto: Rede Museística de Lugo)

Proximidade Llunyana (proximidade afastada en galego) é un proxecto impulsado pola Rede Museística de Lugo que pretende plasmar a "dimensión espacial e temporal" da emigración de Lugo a Barcelona no século XX, representada polo testemuño de mulleres que nos achegan á realidade do éxodo rural da posguerra.

Esta exposición itinerante que deu comezo en 2022 e que xa se puido ver na cidade de Lugo, en Monforte e, até o 7 de outubro, na Fonsagrada achega unha perspectiva moitas veces esquecida do que foi a emigración no país e conmemora as vidas de mulleres que renunciaron por necesidade a todo aquilo que coñecían en busca dunha vida mellor.

"O proxecto pretende revivir as súas historias, mostrando os museos como contedores e conectores da memoria colectiva e construíndo historias individuais que acheguen unha perspectiva global de como a emigración afectou as netas, nais e avoas", segundo indican desde a Rede Museística de Lugo.

Na exposición pódese observar un diálogo do presente co pasado a través de obxectos, cartas e fotografía de mulleres do rural que ofrecen á persoa visitante conexión e empatía.

Toda unha dualidade entre o que queremos vivir e facer e o que as circunstancias nos obrigan a soportar, é por iso que desde a organización da exposición consideran que se pode aprender moito non só do que foi a época de posguerra mais tamén acerca da vida nos nosos días e as decisións que en moitas ocasións nos vemos forzados a tomar.

Non obstante, a emigración cara a destinos como Barcelona tamén debe ser aproveitada para abrazar unha conexión entre dous países, Galiza e Catalunya. Fogar e destinos conectados a través das dúas linguas que abrazan unha comunidade, unha cultura e raíces que se deron grazas a quen algún día se viu obrigada a facer as maletas e emprender unha viaxe cara ao descoñecido.

"Indagar, investigar e conservar"

De acordo coa Rede Museística de Lugo, "o obxectivo desta mostra é indagar, investigar e conservar de modo transversal as historias familiares, converténdoa nunha mostra itinerante en constante evolución, co fin de buscar respostas do pasado para poder ollar cara ao futuro".

Comentarios