Luz verde a que Galiza cobre o IVE pendente de 2017

A polémica remóntase ao Goberno de Raxoi, que introduciu mudanzas no sistema de liquidacións deste imposto e deixou sen pagar a mensualidade de decembro, que a Xunta cifra en 204 millóns de euros.
Valeriano Martínez, conselleiro de Facenda, valorou a sentenza que dá a razón a Castela e León (Foto: Europa Press).
photo_camera Valeriano Martínez, conselleiro de Facenda, valorou a sentenza que dá a razón a Castela e León (Foto: Europa Press).

Sentenza histórica do Tribunal Supremo en relación á liquidación do Imposto sobre o Valor Engadido (IVE) de decembro de 2017 que o Estado debe aos diferentes territorios. A Xustiza resolve a favor de Castela e León no recurso contencioso-administrativo presentado o 25 de setembro de 2020, tras a reiterada negativa do Executivo de Pedro Sánchez a aboar esta contía, que ascende a 182 millóns de euros.

Deste modo, queda aberta a porta para que outros territorios sigan os pasos de Castela e León e vexan recoñecido o seu dereito a percibiren a citada mensualidade pendente. É o caso da Galiza, que o pasado ano presentou tamén un recurso ante o Alto Tribunal que, segundo informan fontes da Consellaría de Facenda, segue o seu curso de tramitación.

"En 2017 as e os galegos si aboaron o seu IVE, e por un cambio de sistema resulta que se deben ao noso país 204 millóns de euros", expuxo nesta terza feira no Parlamento galego o conselleiro de Facenda, Valeriano Martínez, quen deu a "benvida" a este auto xudicial e celebrou que demostre que "entrando no fondo do asunto, este debate dura pouco".

Martínez pediu "prudencia" para agardar pola sentenza sobre o caso galego, mais amosou certo optimismo: "Todo indica que os 204 millóns dos que tanto falamos nesta Cámara terán que vir á Galiza porque son de todas as galegas e galegos".

Tamén se pronunciou ao respecto o vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, quen viu a reclamación galega "moi similar" á castelá-leonesa: "Este Goberno sempre defendeu que había unha cantidade que o Estado tiña que pagar e o Goberno estatal negábase. O mesmo defende Castela e León e veñen de darlle a razón. No noso caso, agardamos que suceda o mesmo".

Pola súa banda, a deputada do BNG Noa Presas lamentou a demora da Xunta en acudir á vía xudicial: "Houbo que convencelos de que fosen aos tribunais", dixo, e criticou o "peso pluma" do presidente, Alberto Núñez Feixoo, para facer valer as súas reivindicacións no Estado.

Legado de Raxoi

De que cartos estamos a falar cando nos referimos ás liquidacións do IVE pendentes? A polémica remóntase a 2017, cando entrou en vigor o Real Decreto 596/2016 para o impulso do uso de medios electrónicos na xestión do IVE (promovido polo Goberno de Mariano Raxoi), que ampliou o prazo para que as empresas o liquidasen. Consecuentemente, a recadación de novembro, que antes se ingresaba en decembro, fíxoo en xaneiro, co exercicio xa fechado.

Dado que os territorios reciben a liquidación do IVE con dous anos de demora, cando en 2019 se fixo o cálculo de 2017 só se contabilizaron 11 meses, excluíndo o importe que se debería ter percibido por decembro, 204 millóns de euros no caso da Galiza.

A Xunta demandou o pagamento á ministra de Facenda, María Jesús Montero, que deu carpetazo definitivo en xaneiro de 2020, días antes de que o Goberno de Feixoo acudise aos tribunais: "Debería terse executado en 2019, e xa non é posíbel", dixo, e culpou o PP por non ter secundado os Orzamentos Xerais do Estado dese ano.

De feito, fontes do Ministerio referíronse nesta terza feira a ese "problema herdado" da etapa de Raxoi, e apuntaron que aínda están a estudar a sentenza e as posíbeis consecuencias: "Este Goberno topouse co problema".

Comentarios