domingo 09/05/21

O Supremo obriga o Estado a pagar 182 millóns a Castela e León polo IVE que tamén reclama Galiza

O importe reclamado polo Executivo galego achegábase aos 200 millóns de euros.
Tribunal Supremo
Tribunal Supremo

O Tribunal Supremo estimou o recurso presentado pola Junta de Castela e león e obrigou o Estado a pagar a esa comunidade os 182 millóns que se lle deben da liquidación do IVE/ do 2017, con 120,5 de forma directa e 61,5 millóns máis do novo cálculo da variación dos ingresos tributarios do Estado.

A Xunta da Galiza tamén reclamara ese mesmo pago da liquidación do IVE. O importe reclamado polo Executivo galego achegábase aos 200 millóns de euros.

O conselleiro de  Facenda, Valeriano Martínez, asegurou que "todo indica" que os 204 millóns correspondentes á liquidación do IVE de 2017, demandados por vía xudicial pola Xunta ao Estado, "terán que vir a Galiza porque son de todos as galegas e de todos os galegos".

Durante o debate na Cámara, a deputada Noa Presas (BNG) apuntou que a vía xudicial era un paso que a Xunta tiña que ter tomado "hai moito tempo", pois lamenta que "houbo que convencelos de que fosen aos tribunais". "Cada un que aguante a súa vela", reprochou.

Ademais, Presas criticou o "peso pluma" do presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feixoo, para facer valer as súas reivindicacións no Estado.

Pola súa banda, o portavoz do Grupo popular, Pedro Puy, lembrou que en 2019 o PSdeG abstívose nunha votación para reclamar o IVE.

comentarios