Luisa Sánchez, nova vicepresidenta da Deputación de Pontevedra

É concelleira do PP en Vigo e no pasado foi directiva de Povisa.
Rafa Domínguez, Luís López e Luisa Sánchez no salón de plenos da Deputación. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Rafa Domínguez, Luís López e Luisa Sánchez no salón de plenos da Deputación. (Foto: Nós Diario)

A concelleira do PP de Vigo e antiga directora financeira do hospital privado Povisa, Luisa Sánchez, será a nova vicepresidenta da Deputación de Pontevedra. Sánchez chega a esta nova responsabilidade após a dimisión da súa antecesora, a voceira popular da cidade olívica, Marta Fernández-Tapias, e tras máis de 25 anos de actividade na sanidade privada. Actualmente ocupaba a Dirección de Recursos Humanos da área sanitaria de Pontevedra e O Salnés do Servizo Galego de Saúde (Sergas), da Consellaría de Sanidade, a onde chegou en xullo de 2023, tras entrar na Corporación viguesa.

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López Lugués, ligou a elección de Sánchez á súa relación coa sanidade privada. Neste sentido, argumentou que "a Deputación vai contar cunha persoa dunha solvencia máis que acreditada, tras unha traxectoria de 25 anos nunha das empresas máis importantes da provincia e na xestión sanitaria".

Luisa Sánchez é outra responsábel gobernamental do Partido Popular ligada ao negocio da sanidade e, moi particularmente, ao mundo do hospital vigués Povisa. Outros casos semellantes á da que será vicepresidenta da Deputación de Pontevedra foron Rocío Mosquera Álvarez conselleira de Sanidade con Núñez Feixoo entre 2012 e 2015 ou María Luisa Brandt, xerente de Povisa entre 2017 e de 2020, tras ocupar a dirección da empresa do Sergas Galaria.

A elección explícase polo difícil xogo de equilibrios que enfronta López na Deputación e no PP de Pontevedra, onde o seu liderado é cuestionado pola militancia dalgunhas das importantes agrupacións, como a pontevedresa ou a viguesa.

Adeus de Corina Porro

Precisamente, esta cuarta feira coñeceuse a retirada da primeira liña da política da ex alcaldesa viguesa, Corina Porro, apartada das listas das eleccións de 2024 por situarse contra Marta Fernández-Tapias, a candidata de Alfonso Rueda, no congreso do PP de Vigo do ano 2021.

Comentarios