Luís López elixido presidente do PP de Pontevedra con case o 98% de votos

O presidente do PP galego lembrou que os populares quedaron a "un ou dous concelleiros" en moitos concellos de lograr a maioría absoluta e que isto motivou quedar fóra da Alcaldía, polo que chamou a traballar e loitar por conseguir máis respaldo na cita de 2023.

Executiva do PP de Pontevedra no seu 19º congreso.
photo_camera Executiva do PP de Pontevedra no seu 19º congreso.

Luís López foi elixido cun 97,3 por cento dos votos como presidente do PP provincial de Pontevedra, un cargo no que, dixo el, "sucede" non "substitúe" a Alfonso Rueda, actual presidente da Xunta e do PP galego tras a marcha de Alberto Núñez Feixoo a Madrid para liderar as filas estatais. O alcumado 'Lugués' polas súas orixes na provincia que dirixe (en canto ao PP se refire) Elena Candia, comprometeu "reimpulsar" Pontevedra coa mirada posta nas municipais do próximo ano e conquistar máis alcaldías.

Estes son os mesmos deberes que lle impuxo Alfonso Rueda, partidario, como Feixoo -dixo-, de marcarse obxectivos. O presidente do PP galego lembrou que os populares quedaron a "un ou dous concelleiros" en moitos concellos de lograr a maioría absoluta e que isto motivou quedar fóra da Alcaldía, polo que chamou a traballar e loitar por conseguir máis respaldo na cita de 2023.

 

A Luís López, que ademais estivo arroupado pola secretaria xeral do PP galego, Paula Prado, case todos os conselleiros do Goberno galego e o presidente do Parlamento, Miguel Santalices; acompáñanlle na dirección do partido, tras este 19 congreso provincial, Luisa Piñeiro como secretaria xeral, Pepa Pardo (concelleira en Pontevedra) como vicesecretaria de Organización e Javier Tourís (tenente de alcalde de Vilanova de Arousa) como vicesecretario de Acción Electoral. 

Como vicepresidentes da dirección provincial sitúanse Nidia Arévalo (alcaldesa de Mos), Marta Fernández-Tapias (presidenta do PP de Vigo) e Rafa Domínguez (presidente do PP de Pontevedra). O portavoz do partido en Pontevedra é Alberto Pazos Couñago, deputado no Parlamento de Galiza. 

Así mesmo, a candidatura presentada por Luís López, a única rexistrada e que resultou validada, conta como vicesecretarios executivos ás seguintes persoas: María Ramallo (alcaldesa de Marín), Jorge Cubela (alcalde de Cerdedo-Cotobade), José López (alcalde da Estrada), Telmo Martín (alcalde de Sanxenxo), José Crespo (alcalde de Lalín), Julio García-Luengo (alcalde de Crecente) e Alejandro Lorenzo (alcalde do Porriño).

Entre os coordinadores comarcais destacan o conselleiro de Cultura e Educación, Román Rodríguez (Deza); o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña (Vigo); e o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García (para Tabeirós-Montes).

 

Comentarios