Feixoo: "O que guía a posición do PP é salvar España"

O dirixente popular acusa o PSOE de ser "refén" de ERC e critica que sexa "socio estratéxico" de BIldu.
Alberto Núñez Feixoo (Foto: David Cabezón / Xunta da Galiza).
photo_camera Alberto Núñez Feixoo (Foto: David Cabezón / Xunta da Galiza).

O presidente do Partido Popular, Alberto Núñez Feixoo, afirmou que o presidente do Goberno estatal, Pedro Sánchez, é "refén de ERC" porque goberna con eles "en infinidade de cidades en Cataluña", mentres que EH-Bildu é "un dos socios estratéxicos do PSOE".

"Bildu xamais tivo tanto poder en España como agora, quizá porque o Goberno quere tensionar o PNV. Eu non elixo os socios, Sánchez si", advirte nunha entrevista concedida ao Correo.

Así mesmo, denuncia que Sánchez apartouse da política antiterrorista do PSOE e, "por suposto, do resto dos partidos".

Doutra banda, pide ao Goberno que devolva ás clases medias e baixas "parte dos 15.500 millóns de máis que recadou este ano pola inflación".

En referencia ao incremento no gasto militar, ve "terríbel" o feito de afacerse a unha situación que "non é homologable a ningún outro país de Europa, con medio Goberno facendo oposición á outra metade e un enfrontamento continuo". "Ofrecemos ao Goberno un pacto pola OTAN e non temos nin acuse de recibo. Esperemos que o Goberno nos traslade unha proposta unánime e avalada por todo o Executivo, outra cousa sería moi difícil de explicar. Veremos en que consiste o acordo e desde logo o que vai guiar a posición do PP non é salvar ao Goberno, senón salvar a España e os españois", engade.

Neste contexto, remarca que o PP sempre foi un partido de Estado e "agora, máis que nunca, o será", de tal forma que nos pactos de Estado o PP "sempre está". "E nos consensos, sempre que sexan honestos e que sexan froito do diálogo, co PP pódese contar", detalla.

Respecto ás próximas eleccións xerais, Feixoo non cre que o presidente teña o 100% da autonomía para decidir cando serán. "Dependerá, primeiro, dos seus socios de goberno. Segundo, de ERC e Bildu. E terceiro, de Bruxelas. Se a UE manda parar e condiciona o desembolso dos fondos ou o BCE ten unha política similar a EE UU na subida de tipos, Sánchez, coa débeda que ten España, non podería permanecer moito tempo no Goberno", argumenta.

Comentarios