Luís Eyré, disposto a ser candidato a Europa para "emendar o erro estratéxico" de ir con IU

O sector agora crítico de Anova xa ten candidato para Europa. É Luís Eyré Palleiro, quen mostra a súa disposición a concorrer nas primarias do día 30. Competirá presumibelmente coa candidata oficial, Lidia Senra. Disputaranse a praza número 5 na listaxe de IU a Bruxelas.

Luis Eyré
photo_camera Luís Eyré

Luís Eyré Palleiro, beirista histórico, ten a convicción de que Anova se equivoca ao ir con Izquierda Unida ás europeas. De feito, baixo o seu ponto de vista, a expresión correcta para se referir á parcería con IU neste proceso eleitoral é a de "integración" na listaxe da organización que lidera Cayo Lara e non a de coligación.

Segundo publica LaVozdeGalicia.es, Eyré di presentar a súa candidatura para emendar o erro "estratéxico" que, ao seu xuízo, comete Anova ao ir con IU.

Eyré dirixía con Mario López Rico, outro clásico do beirismo, o até hai ben pouco sector oficial de Anova. Deveu en sector crítico unha vez que a súa aposta na política de alianzas para as europeas saír derrotada por apenas 11 votos no referendo convocado entre a militancia. Defendían unha coligación con forzas nacionalistas de esquerdas e/ou coa esquerda rupturista española (unha fórmula coa que aparentemente aludían á plataforma Podemos). Esa era a postura en teoría maioritaria dentro da dirección de Anova. Foino até que no último momento Beiras abandonou a súa vella garda pretoriana para ir cabo do seu delfín, Martiño Noriega, promotor dun proceso de converxencia-fusión con Esquerda Unida de perfís aínda indeterminados.

Eyré cualifica a súa decisión de concorrer a esta elección interna como "persoal e libérrima" e até deixa entrever que estaría disposto a retirarse da carreira se aparecer algunha outra persoa con máis opcións de éxito nas primarias. Non parece que nese sentido se estivese a referir a Lidia Senra, a candidata indixitada por Beiras. A palabra vaina ter a militancia de Anova o vindeiro domingo 30 de marzo.

Comentarios