Unha trintena de militantes de Anova piden a Beiras que explique o pacto con IU e cualifican a situación de ''inaceptábel''

Lamentan que non se coñezan as clásulas do acordo con Izquierda Unida a piques de se pechar o prazo de candidaturas para elexir quen represenra a Anova na candidatura. Piden que non se fale de ''lista galega'' por ser un ''eufemismo fraudulento''.

Un grupo de 35 militantes de Anova, entre os que se atopan ex-integrantes da súa Permanente nacional como López Rico ou Luis Eyré 'Palleiro', remitiron un escrito ao portavoz nacional da formación, Xosé Manuel Beiras, no que se lle pide que se lles remita toda a información sobre o pacto atinxido con Izquierda Unida para as eleccións europeas. Cualifican de “surrealista e inaceptábel” que a 48 horas de que acabe o prazo (o domingo) para presentar candidaturas para elexir quen de Anova vai na listaxe de IU non se coñeza “nada” do acordado coa esquerda española.

O noutrora denominado 'sector oficial' ( mais que agora non está na Permanente após demitir tras o referendo para escoller con quen ir ás europeas) sinala que un dos requisitos a cumprir para o referendo do 30 de marzo é que a militancia tivese un “coñecemento previo dos termos exactos do acordo con IU”.

Descoñecemento da militancia

Neste sentido, lamentan que a militancia non saiba nada das cláusulas do acordo, como cantos galegos van ir nesa candidatura e en que postos (só coñecen que o nº5 está reservado a Anova). Estes 35 militantes tamén instan a Beiras a que explique todas as cláusulas detalladas do acordo con IU. Desde que achega económica vai ter que facer Anova nesta campaña até saber que órgano foi o que asinou ese acordo con IU en nome de Anova.

Estes militantes tamén piden que non se fale en termos de “lista galega”, pois considérano un “eufemismo fraudulento”. Cómpre apuntar a que este sector crítico ten advertido de que con esta escolla de ir en IU para as europeas Anova corre o risco de acabar subsumida na esquerda federal española.

Comentarios