Vitoria de Sánchez con 68,6 por cento dos votos

Lugo é pedrista: gañou Besteiro

Lugo é pedrista. A incontestábel vitoria de Pedro Sánchez nas primarias celebradas na provincia de Lugo deixa claro cales son as simpatías da militancia socialista.

PSdeG besteiro sanchez
photo_camera Pedro Sánchez, na súa anterior etapa coom secretario xeral na compaña de Besteiro

Lugo é pedrista, gañou Besteiro. Pedro Sánchez non só consegue 1.153 votos, 68,6 por cento da afiliación, senón que se impón no conxunto dos segmentos da idade, nas localidades con máis militancia, como a propia cidade ou nos concellos de máis de 5.000 habitantes, e tamén na práctica totalidade dos núcleos rurais. Susana Díaz, pola súa parte, acada 392 votos, isto é, 23,3 por cento do censo, impoñéndose unicamente en Becerreá, Castroverde, Navia de Suarna, Incio, Palas de Rei, Monterroso e Cospeito, localidades nos que os seus alcaldes ou portavoces municipais signifícanse polo seu enfrontamento con Xosé Ramón Besteiro e conseguindo un pobre resultado na capital, a pesar do apoio de López Orozco e Pepe Blanco. Patxi López, con 138 votos e unha porcentaxe de 8 por cento, a pesar de conseguir para a súa candidatura o apoio de importantes nomes do aparato provincial como o presidente da xestora Lucho Lago Lage, o portavoz parlamentario Luís Álvarez ou a alcaldesa de Lugo, só gaña no municipio de Paradela.

Gañou Besteiro. O esmagador trunfo de Pedro Sánchez en Lugo non se explica sen o apoio de Xosé Ramón González Besteiro, anterior presidente da Deputación e antigo secretario xeral do PSdeG-PSOE, a esta candidatura. A súa activa participación neste proceso, nuns casos visitando el mesmo diversas agrupacións da provincia, noutros operando a través de persoas da súa máxima confianza como Xavier Cerqueiro, portavoz municipal no Corgo e o seu xefe de gabinete na Deputación, mereceron mesmamente a reprobación pública do Alcalde de Becerreá e destacado susanista Manuel Martínez. Após este proceso, non fica dúbida que Besteiro sigue sendo o poder real do socialismo en Lugo, o dirixente que máis adhesións concita nas bases e o cadro con máis predicamento entre a afiliación. É máis, as fugas na súa corrente son moito menores das que se supoñían, ficando reducidas a un grupo de cadros da capital da provincia, ao tempo moi enfrontados ao grupo de López Orozco e Pepe Blanco, así como a algúns membros do grupo socialista na Deputación de Lugo.

A derrota ten nomes. Primeiramente o grupo do que facían parte históricos da organización

A derrota ten nomes. Primeiramente o grupo do que facían parte históricos da organización e alcaldes que se tiñan caracterizado nos últimos tempos na súa oposición a Besteiro sobre os que se conformaba a plataforma de apoio a susana Díaz. As cabezas máis recoñecíbeis deste sector son o noutrora poderoso dirixente Xosé Blanco, o anterior alcalde da cidade Xosé López Orozco, o antigo conselleiro de Traballo e senador Ricardo Varela, canda os alcaldes de Becerreá, Navia ou Castroverde. Nun segundo lugar, aqueles que abandonaron o besteirismo nos últimos tempos e que formaban o grupo de apoio a Patxi López como a alcaldesa da cidade Lara Méndez, o deputado Luis Álvarez ou o presidente da xestora e antigo senador Lucho Lago Lage. E por último o presidente da Deputación Darío Campos Conde, quen desde o seu nomeamento comezou a marcar distancias co seu antecesor, achegándose ao tempo ao grupo de Xosé Blanco, o seu mentor e patrocinador político, e marxinando no goberno provincial os fieis a Besteiro.

Semella claro que o futuro secretario provincial do PSOE será alguén procedente do núcleo de máxima confianza de Besteiro

O futuro está escrito. Á vista dos resultados das primarias socialistas, comezan a despexarse algunhas das incógnitas. Semella claro que o futuro secretario provincial do PSOE será alguén procedente do núcleo de máxima confianza de Besteiro, concretamente daqueles que ficaron fieis nos últimos tempos, gañando enteiros nomes como os de Álvaro Santos, concelleiro en Friol e deputado provincial, dirixindo unha equipa da que farán parte xente como Xavier Cerqueiro, Pilar García Porto, concelleira en Antas de Ulla e deputada provincial ou a alcaldesa de Trabada Maira García. Ao tempo, significa o final político do grupo que dirixiu o PSOE lugués desde a transición coa conseguinte desaparición da esfera pública dalgúns dos cadros máis recoñecidos e recoñecíbeis desta organización como Xosé Blanco, Xosé López Orozco e Ricardo Varela. A terceira variábel da nova situación está marcado polas mudanzas que necesariamente se producirán no goberno da Deputación, onde xa se anuncia un novo conflito que enfrontará en terceira volta aos deputados próximos a Besteiro, marxinados na última remodelación do goberno provincial, contra o presidente Darío Campos e o seu vicepresidente Manuel Martínez, que despois de entregar o goberno ao PP, rematou como home forte do goberno da man de Xosé Blanco e da xestora madrileña.

Comentarios