Lores anuncia a repartición das áreas de Goberno en Pontevedra mentres segue a negociar co PSOE

Os nove concelleiros nacionalistas exercerán todas as competencias do goberno da cidade do Lérez ante a falta de acordo para a entrada dos socialistas, que apoiaron a investidura de Lores o pasado sábado.
Reunión do grupo municipal do BNG de Pontevedra esta segunda feira (Foto: Nós Diario).
photo_camera Reunión do grupo municipal do BNG de Pontevedra esta segunda feira (Foto: Nós Diario).

O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, anunciou esta segunda feira a repartición de áres de Goberno, que asume na súa totalidade o grupo do BNG mentres se manteñen abertas as negociacións para a posíbel entrada do PSOE no executivo local.

En rolda de prensa, Lores cualificou de "revolución" os "cambios moi profundos" acometidos na estrutura interna do goberno co fin de lograr "unha administración máis eficiente e funcional, adaptada aos novos tempos".

Así, os nove concelleiros nacionalistas exercerán todas as competencias do goberno da cidade do Lérez ante a falta de acordo para a entrada dos socialistas, que apoiaron a investidura de Lores o pasado sábado.

Sobre esta negociación e tras incidir en que a repartición de áreas se debe a que "o goberno non pode estar sen responsabilidades", o alcalde apuntou que seguen "o seu curso totalmente normal".

Fernández Lores confirmou que esta semana haberá novas reunións e que está "todo aberto a chegar a acordos" que impliquen desde a integración dos concelleiros socialistas no goberno ou a colaboración exterior.

Cinco áreas

Así, o goberno pontevedrés estará dividido en cinco grandes áreas de xestión: Alcaldía, Servizos Centrais, Territorio e Medio Ambiente, Servizos Municipais e Urbanos, e Igualdade e Promoción do Benestar.

O cambio máis destacado é que o propio alcalde asumirá a portavocía e a "coordinación e dirección política" do executivo local, ademais da relación con outras administracións (desde infraestruturas ata convenios e outras actuacións).

A área de Servizos Centrais asumiraa a tenente de alcalde Eva Vilaverde. Isto inclúe a xestión de recursos humanos, protección cidadá (policía, bombeiros, protección civil), ocupación de espazos públicos, patrimonio e réxime interior, padrón ou novas tecnoloxías na administración.

Ademais, Servizos Centrais inclúe a área Legal e Económica que asume Raimundo González facéndose cargo de Secretarías, Asesoría Xurídica, Contratación, Contratos de Auga e de Residuos, Intervención, Facenda, Tesourería, ordenanzas fiscais e económicas, orzamentos e as súas modificacións, e xestión dos fondos europeos.

Territorio e Medio Ambiente divídese en dúas áreas. Así, Carme da Silva será a responsábel da Ordenación do territorio e do ambiente natural, urbanismo, disciplina ambiental e urbanística, xestión urbanística e ambiental, actuacións en materia de vivenda, ARI's, patrimonio histórico edificado e etnográfico.

Pola súa parte, María Xosé Abilleira asume a Xestión Ambiental e Territorial, tratando infraestruturas, dotacións e servizos municipais no rural, parques forestais, ríos, praias, fontes e lavadoiros no rural.

O edil César Mosqueira será o coordinador do terceiro ámbito de xestión: Servizos Municipais e Urbanos, tratando a ordenación da mobilidade urbana, impulso do Plan de Mobilidade Urbana Sostíbel (PMUS), urbanizacións e reurbanizacións, estacionamentos e transporte público.

Neste ámbito, o concelleiro Xaquín Moreda dedicarase aos servizos urbanos básicos co sostemento dos espazos públicos urbanos e os elementos de urbanización, recollida e tratamento de residuos, limpeza viaria ou subministración municipal de auga potábel.

Finalmente, Anabel Gulías coordinará Igualdade e Promoción do Benestar encargándose de igualdade, benestar, saúde e economía tratando temas relacionados coa actividade física e deportiva, envellecemento activo, servizos sociais, sanidade, sanidade animal, cemiterios, políticas de emprego, promoción exterior da cidade e turismo.

Dentro da área, Demetrio Gómez será o responsábel da dinamización social e cultural tratando actividades culturais e sociais, festas, xestión das instalacións municipais socio culturais, normalización lingüística e cultural, memoria histórica, educación e mocidade.

A repartición de responsabilidades fíxose, segundo explicou Lores, coa "máxima igualación posíbel da carga de traballo entre os concelleiros", algo que se determina en base á experiencia acumulada sobre a carga real que supón cada ámbito, área e servizo, e as previsións para este mandato.

Comentarios