A Gladiator Race regresa a Pontevedra

O certame reunirá nas rúas da Boa Vila preto de 1.700 participantes
Miguel Anxo Fernández Lores, alcalde de Pontevedra -de pé, terceiro pola dereita-, presidiu o acto de presentación da proba. (Foto: Concello de Pontevedra).
photo_camera Miguel Anxo Fernández Lores, alcalde de Pontevedra -de pé, terceiro pola dereita-, presidiu o acto de presentación da proba. (Foto: Concello de Pontevedra).

Tal e como como xa é tradición ao longo da última década, a primeira fin de semana de xuño terá como protagonista no eido deportivo unha nova edición da carreira de Obstáculos Gladiator Race Pontevedra

Neste ano 2023 serán un total de 1.400 adultos e 300 nenos e nenas as que coincidirán ao longo dos días 3 e 4 de xuño na Illa do Covo "para gozar de dúas xornadas de deporte e diversión de modo paralelo", tal e como destacan desde o Concello.

Coas inscricións xa esgotadas desde hai algo máis dun mes, a programación feita pública revela que o sábado 3, en horario de tarde, será a quenda das modalidades Gladiator Rocket —con máis de cinco quilómetros e 25 obstáculos— e Gladiator Warrior -que supera os oito quilómetros de extensión e os 35 obstáculos.

Xa o domingo día 4, pola mañá, o protagonismo recaerá exclusivamente nos e nas máis pequenas, pois a Gladiator Kids está dirixida a crianzas entre os tres e os 12 anos que, iso si, están obrigadas a participar acompañadas por unha persoa adulta. 

O certame ten carácter solidario

O alcalde da Boa Vila, Miguel Anxo Fernández Lores, afirmou durante a presentación oficial do evento -que se produciu na mañá de onte- o carácter "diferente" e "marcadamente lúdico e aberto" dunha Gladiator Race que, ao ir "alén do competitivo", permite que se achegue "unha enorme cantidade de xente".

"Pontevedra é unha cidade de deporte, é a cidade do deporte, e por iso podemos facer e acoller competicións de todo tipo", salientou o rexedor, quen tamén puxo en valor a elevada participación de competidoras e competidores chegados desde fóra da comarca, pois teñen rexistradas procedencias "de máis de 20 provincias do Estado diferentes, así como un nutrido grupo de portugueses".

Finalmente, Lores tamén incidiu no "compoñente solidario" deste certame xa consolidado no panorama estatal de carreiras de obstáculos e que nesta ocasión, grazas ao proxecto solidario Aproxima, dará visibilidade "a oenegués locais, menos coñecidas ou con menor capacidade para chegar á sociedade civil", a maiores de entregar un euro de cada inscrición ao Banco de Alimentos de Pontevedra e á Asociación Bata.

Comentarios