Lores revalida o bastón de mando e encara un novo mandato á fronte do Concello de Pontevedra

O portavoz socialista, Iván Pontes renunciou a presentar a súa candidatura atendendo ao acordo alcanzado entre BNG e PSOE.
Miguel Anxo Fernández Lores mostra o bastón de mando (Foto: Nós Diario).
photo_camera Miguel Anxo Fernández Lores mostra o bastón de mando (Foto: Nós Diario).

Miguel Anxo Fernández Lores foi proclamado novamente alcalde de Pontevedra, afrontando así o que será o sétimo mandato do BNG na cidade "coa obriga de facelo mellor".

Na sesión de investidura non houbo sorpresas e os cinco concelleiros do Partido Socialista votaron a favor do candidato nacionalista. Bríndanlle así ao Bloque o apoio que necesitaba para sumar 14 votos fronte aos 11 que obtivo o aspirante do Partido Popular á Alcaldía, Rafa Domínguez.

O portavoz socialista, Iván Pontes renunciou a presentar a súa candidatura atendendo ao acordo alcanzado entre BNG e PSOE.

Lores agradeceu expresamente esta confianza depositada polo Partido Socialista para "facer posíbel" a súa elección. "Nunca esquecerei a vosa xenerosidade", comentou, e insistiu en que o resultado obtido nas urnas o pasado 28 de maio é unha mensaxe da cidadanía que para "facelo mellor".

Miguel Anxo Fernández Lores lembrou a súa "longa experiencia" no Concello, no que entrou como concelleiro no ano 1987 e onde ostenta o cargo de alcalde ininterrompidamente desde 1999.

Nesta ocasión, tras oito anos de coalición co PSOE, logrou a investidura sen alcanzar un acordo de goberno en cuxo pacto seguirán negociando ao longo dos próximos días.

Para este sétimo mandato consecutivo, o alcalde propuxo no seu discurso "abrir unha nova etapa, unha nova fase na construción do futuro de Pontevedra", na cal "desde o respecto polas lexítimas diferenzas e discrepancias, traballemos axuntando esforzos para avanzar nas direccións correctas".

"Coa man tendida, cos brazos abertos", Lores convidou a unirse a esta tarefa a todos os grupos políticos, axentes sociais e a toda Pontevedra.

Oposición

Pola súa parte, Rafa Domínguez reivindicou a vitoria "contundente" do PP nas eleccións municipais e lembrou ao novo goberno cales son, ao seu xuízo, "as necesidades dos pontevedreses".

"As parroquias están abandonadas, hai barrios sen investimentos, hai que modernizar o PXOM e abrir Reina Vitoria", citou o popular, entre outros asuntos.

Ademais, o portavoz do PP reprochou ao PSOE local que "antepon os seus intereses aos dos pontevedreses".

Comentarios