Os líderes da Unión Europea aceptaron no cumio por videoconferencia que mantiveron esta terza feira a proposta da Comisión Europea de prohibir as viaxes de entrada que non sexan "esenciais" durante un mes para tratar de conter a propagación do coronavirus.
Trátase dunha medida sen precedentes na Unión Europea, pois é a primeira vez que os estados membros se poñen de acordo para pechar totalmente a súa fronteira exterior. Así o anunciou o presidente do Consello Europeo, Charles Michel, unha vez finalizada a reunión telemática dos xefes de Estado e de Goberno.
A xefa do Executivo comunitario, Ursula von der Leyen, detallou que a súa proposta recibiu "moito" apoio por parte das capitais, que agora deben implementar a medida.
A proposta de Bruxelas é un intento por coordinar as respostas nacionais para frear o avance do coronavirus e tratar de evitar que os países sigan pechando as fronteiras dentro de Schengen.
As autoridades comunitarias xa recibiran as notificacións de España e Portugal neste sentido, que se unen ás de Austria, República Checa, Dinamarca, Estonia, Alemaña, Hungría, Lituania e Polonia, ademais de Noruega e Suíza.
As líderes europeas volverán manter un encontro telemático nos vindeiros días, nunha data que ficou sen confirmar .