A licitación de obra pública do Estado na Galiza caeu en 2022 en máis de 39%

A licitación de obra pública estatal na Galiza baixou en 39,5% en 2022. A caída produciuse nun momento de orzamentos expansivos pola proximidade aos procesos electorais de 2023. Un exercicio máis, Madrid é o principal beneficiado do investimento Estatal.

Florentino Pérez é o presidente do Real Madrid (Foto: Europa Press).
photo_camera Florentino Pérez é o propietario do grupo ACS, primeiro en obra pública na Galiza. (Foto: Europa Press)

A Administración Xeral do Estado licitou 547,9 millóns de euros no exercicio 2022. Segundo os datos achegados por Seopan, a patronal das grandes construtoras, un ano antes os investimentos estatais na Galiza alcanzaron 804 millóns de euros, unha contía 39,5% máis elevada que a do anterior exercicio orzamentario. Neste caso, as obras de máis envergadura executadas polo Executivo español correspóndense cos diversos tramos da A-54, a autovía que une Santiago de Compostela con Lugo, cuxa apertura está prevista para 2024.

As empresas adxudicatarias dos treitos en obra da A-54 teñen a súa sede fiscal e social en Madrid. Un deles é o tramo de 11,7 quilómetros entre Palas de Rei e Melide, adxudicado en 2017 por 86,8 millóns de euros á empresa Acciona, compañía con enderezo en Madrid e propiedade da familia Entrecanales. O outro, de Arzúa a Melide, contratado en 2018 por 88,5 millóns de euros, está sendo executado por Sando, empresa de orixe andaluza pero con domicilio en Madrid, cuxo propietario aparece na contabilidade do ex tesoureiro do Partido Popular español, Luis Bárcenas, como o primeiro doante do PP.

As empresas madrileñas

As tres construtoras máis favorecidas polos contratos do Estado na Galiza no período de 2005 a 2021 teñen o seu enderezo fiscal en Madrid. Así, a primeira deles é Dragados, propiedade de Florentino Pérez desde 2002 e integrada en ACS, que facturou por obras executadas no país 851,37 millóns de euros, que representa 7,82% do adxudicado. A continuación situouse Acciona con 831,53 millóns de euros, outra das sociedades sinaladas por Bárcenas como doante do PP galego. FCC, a mercantil de Carlos Slim e da familia Koplowitz , ocupou o terceiro lugar no podio, cunha facturación de 794,8 millóns de euros.

As tres compañías foron sancionados en 2022 pola Comisión Estatal de Mercados e Competencia (CNMC) por alterar ilegalmente 18 licitacións na Galiza. Neste grupo, atópanse ademais das empresas sinaladas, Ferrovial, OHL e Sacyr, que segundo a CNMC adulteraron licitacións públicas por unha contía de 670 millóns de euros. Porén, malia estas prácticas o Estado mudou a normativa para permitirlles seguir contratando coas Administracións mediante a lei de acompañamento dos orzamentos de 2022.

Madrid, gañadora

As cifras ofrecidas pola Intervención Xeral da Administración do Estado (IXAE) do Ministerio de Facenda sitúan Madrid á cabeza do investimento estatal no período de 2015 a 2021 con 8.763 millóns de euros. Só no exercicio de 2019, o nivel de execución orzamentaria estivo por baixo das previsións das contas públicas, concretamente, en cinco millóns de euros. Así, o realmente investido na capital do Estado nese período superou en 3.919 millóns de euros o recollido nos orzamentos.

Madrid resultou nestas últimas lexislaturas a comunidade autónoma máis favorecida polo investimento estatal e rexistrou os mellores números en cada unha das anualidades, situándose a continuación Andalucía. A falta de coñecerse a liquidación definitiva do orzamento do Estado para 2022, Madrid seguía á cabeza do investimento estatal, sumando para o primeiro semestre de 2022 arredor de 224 millóns de euros, cinco millóns por encima do orzado.

As licitacións da Xunta

As licitacións do Estado na Galiza en 2022 representaron 31,7% de toda a obra pública contratada nesa anualidade. A este respecto, os números achegados por Seopan sinalan que a Xunta da Galiza licitou obra pública por 669,7 millóns de euros e os concellos e as deputacións adxudicaron obra pública por unha cantidade de 510,1 millóns de euros. Así, no primeiro caso representa 38,7% do total das licitacións e no segundo 29,5%, unha contía máis elevada do normal por coincidir con ano preelectoral.

Comentarios