A Xunta asume erros na xestión das axudas á agricultura ecolóxica

A Xunta da Galiza recoñeceu erros na xestión das axudas á agricultura ecolóxica procedentes dos fondos da Política Agraria Común (PAC).

Vacas pastando nos Ancares (Imaxe: A Carqueixa).
photo_camera Vacas pastando nos Ancares (Imaxe: A Carqueixa).

Foi o director xeral de Gandaría da Consellaría do Medio Rural, José Balseiros, quen así o apuntou na comisión parlamentaria,  onde confirmou o anuncio do Goberno galego de aumentar esta liña de axudas até os 45 millóns para o período 2023-2027.

Balseiros respondeu a unha pregunta da deputada nacionalista Carmen Aira sinalando que “sinto e lamento que non entrasen todas as solicitudes. Non foi así, e laméntoo por non ser adiviño e non ter a bóla máxica". O director xeral recriminou ao BNG que "xa que son tan listos puideron presentar iniciativas dicindo que ía haber 13.000 hectáreas" certificadas para ecolóxico "ou que non era suficiente subir [as axudas] en 60% e que había que subilas en 500%”.

O responsábel de Medio Rural acusou os nacionalistas de facer entender á xente que polo mero feito de presentar unha solicitude teñen a axuda garantida", ademais de culpalos de buscar "confrontación" entre agricultura convencional e ecolóxica.

Aira refutou as palabras de Balseiros e salientou que “a Consellaría e os seus organismos correspondentes teñen os datos reais da situación actual das axudas que reciben as explotacións e, polo tanto, o que está a fallar son os criterios políticos para o deseño das axudas a transformación do noso agro”.

Nesta dirección, a nacionalista apuntou que semella que pretenden "potenciar" as "grandes explotacións e non as granxas máis modestas en tamaño pero máis achegadas ao territorio, tal e como se puido ver cando se aplicou un baremo cuantitativo para a concesión de axudas ao ecolóxico no ano 2022".

As explotacións de agricultura e gandaría ecolóxica foron as máis prexudicadas na orde de axudas divulgada pola Xunta da Galiza. Así, na liña de Conversión para Agricultura Ecolóxica (CAE) foron denegadas 29 solicitudes de 34 presentadas.

Outro tanto aconteceu na liña de Conversión para Gandaría Ecolóxica, onde resultaron rexeitadas 124 peticións, de 150 formuladas. Precisamente, estas dúas liñas, xunto á de Mantemento de Gandaría Ecolóxica, con 109 resolucións negativas, foron as que causaron máis prexuízo aos produtores.

A Plataforma de Produtores e Produtoras de ecolóxico da Galiza entende que “para os anos sucesivos, a situación pode ser aínda moito peor, obrigando os produtores a adquirir compromisos temporais durante cinco anos".

Comentarios