Irene Montero acusa o PP de "promover a cultura da violación" e pon como exemplo a campaña do 25-N da Xunta

Un dos cartaces da campaña da Xunta para o 25-N.
photo_camera Un dos cartaces da campaña da Xunta para o 25-N.

A ministra de Igualdade, Irene Montero, acusou esta cuarta feiura o PP de "promover a cultura da violación que pon en cuestión a credibilidade das vítimas", poñendo como exemplo as campañas contra a violencia machista que os Gobernos populares puxeron en marcha en comunidades como a Galiza ou Madrid.

Estas declaracións provocaron as protestas do grupo parlamentario durante varios minutos e a intervención da portavoz do mesmo na Cámara baixa, Cuca Gamarra, para cualificar de "altamente ofensiva" a declaración da ministra.

"Quero deixar claro que é altamente ofensivo que unha dirixente e unha representante política que ten, nin máis nin menos, que a responsabilidade de dirixir as políticas de Igualdade estea verquendo estas afirmacións en relación a un partido que loitou e vai seguir loitando pola igualdade neste país", apuntou Gamarra.

"Entón vostedes como chaman a dicirlle a unha muller que vixíe a súa copa en lugar de poñer o foco no agresor", preguntou Montero en resposta á dirixente 'popular e referíndose a unha das imaxes da campaña da Xunta polo 25-N.

Ante este episodio, a propia presidenta do Congreso, a socialista Meritxell Batet, reprochou á ministra que as súas declaracións non son "adecuadas" para o Parlamento e pediu, en xeral aos presentes no Hemiciclo "contención na mensaxe". "Debemos querer contribuír á convivencia na Cámara", sinalou.

A campaña da Xunta da Galiza polo Día Internacional pola Eliminación da Violencia de Xénero, baixo o lema 'Non debería pasar, pero pasa', xerou fortes críticas nas redes sociais. "Viste coas mallas de deporte. Vai correr pola noite. Que sucede agora? Non debería pasar, pero pasa". Así reza un dos elementos promocionais desta campaña, que levou centos de persoas usuarias de Twitter a replicar que "está a culpar as mulleres".

Comentarios