Mariló Montero, presentadora do programa ‘Todo es mentira’ (Cuatro) e un dos rostros máis coñecidos do que se ten bautizado como ‘caverna mediática’ española, mostrou esta sexta feira ao vivo o cabreo con Ana Pontón, portavoz nacional do BNG, por cuestionar a campaña do 25N da Xunta, que recibiu estes días críticas do movemento feminista e de colectivos en defensa das mulleres e contra a violencia machista.
“Vísteste con mallas de deporte. Vas correr pola noite. Que sucede agora? Non debería pasar, pero pasa”, di o cartel, que a para Pontón e o movemento feminista é “intolerábel” ao situar o foco da responsabilidade na muller .
“Non o podemos permitir, paréceme grave que o Goberno galego non detectase o machismo desta campaña”, expuxo a líder da oposición antes de pedir a retirada desta campaña “porque é machismo institucional”. “O PP está a contaminarse polo discurso negacionista”, denunciou Ana Pontón.
“Xa me cabreo”
Foi entón cando a presentadora española amosou o seu anoxo e interrompiu a deputada nacionalista, á que non deixaba intervir: “Xa me cabreo, cona, collóns. Ana, de verdade, é que estamos xa mesturando todas as cousas e o que enfada moitísimo é a mestura que facedes e a politización. Que estamos a falar o día da violencia contra a muller, estades a falar da pelexa dos partidos políticos, de que un é máis feminista que outro... Non creo eu que estean a desexar que as mulleres sexan violadas, miña filla, é que deixade de mesturar as cousas”.
“A min o que me importa hoxe sinceramente é que fagades discursos eficaces para que os... deixen de matar e pegar ás mulleres. Ana moitas grazas, acabouse o debate”, dixo a presentadora, cando Pontón, con educación e acenos de incredulidade polo ataque de Montero, tratou de replicar: “Se me permites, Mariló...”.
“Non, non permito xa nada máis. Dixeches xa todo”, cortou a xornalista, antes de que a política engadise: “Creo que todas estamos en contra da violencia machista”. ″Pois grazas!", volveu interromper a presentadora do programa, "como estás a dicir que parece que só o facedes vós e que todo o Goberno di que non, que queren que as violen as mulleres...”, continuou Montero. Pontón negou ese extremo “Non dixen en ningún momento iso”.
No seré yo quien estropee y mancille este momentazo de MARILÓ MONTERO haciendo comentarios, y por eso os lo pongo íntegro dividido en 2 vídeos.
— GUILLERMO GUIJARRO (@remerikos) November 25, 2022
Sólo decir que tras verlo, necesito urgentemente un traductor (y un psicoterapeuta también).
Avisaos estáis.@todoesmentira pic.twitter.com/3TFSqIfrdO
“Cando se vos fai unha crítica enseguida dicides que poño na vosa boca. É que se poño a escribir literalmente o que dixeches...”, interrompeu, de novo Mariló Montero. E Pontón afirmou: “Podemos ver o vídeo cando queiras”.