domingo 19.01.2020
SEN INFORME AÍNDA DOS SERVIZOS XURÍDICOS

A inobservancia da lei non impediría nomear agora o consello da CRTVG, din PP-PSOE

A inobservancia das "previsións temporais" contidas na Lei dos meios públicos da Galiza en relación ao nomeamento do consello da CRTVG non produce "consecuencias xurídicas singularizadas", entende a Mesa do Parlamento, isto é, PP e PSOE, os únicos grupos parlamentares representados nela. Os servizos xurídicos da Cámara aínda non se pronunciaron.

A inobservancia da lei non impediría nomear agora o consello da CRTVG, din PP-PSOE

Tenso debate na Xunta de Portavoces do Parlamento da Galiza esta cuarta feira. No órgao discutiuse a petición formulada por BNG, AGE e Grupo Mixto para a revogación do acordo adoptado pola Mesa do Parlamento o 14 de Xullo en función do cal se puxo en andamento o proceso para a designación dos membros do novo consello de administración da CRTVG.

No debate, BNG e AGE afearon a PP e PSOE o incumprimento dos prazos previstos na propia Lei 9/2011 dos meios públicos de comunicación audiovisual de Galiza. Segundo esta lei, o nomeamento dos membros do consello de administración se tería que realizar necesariamente en paralelo á aprobación do Mandato Marco da nova corporación (o Mandato Marco é unha sorte de estatuto que regulará o funcionamento da televisión e da radio públicas da Galiza tal e como saen deseñadas na lei).

O Mandato Marco nen sequer comezou o proceso da súa tramitación. Aliás, PP e PSOE xa teñen pactado o nomeamento dos 6 membros do Consello de Administración, cunha distribución de cadeiras (4 para a formación conservadora, 2 para a socialdemócrata) que deixa fóra os grupos parlamentares de BNG, AGE e Mixto.

A Mesa do Parlamento, ouvida a Xunta de Portavoces, remitiu aos grupos parlamentares a súa decisión a respeito da petición de revocación do proceso formulada por BNG, AGE e Grupo Mixto. Negativa como cabía agardar. Nun escrito ao que tivo acceso Sermos Galiza, a Mesa argumenta que non existen irregularidades na decisión de aprobar agora o nomeamento dos membros do novo consello -cando aínda non se deu luz verde ao Mandato Marco- porque do suposto "da inobservancia" das "previsións temporais recollidas na Lei 9/2011  de 9 de novembro" non se derivarían "consecuencia xurídicas singularizadas".

A argumentación da Mesa é puramente política e non descansa en ningún ditame xurídico

A Mesa argüe aínda que "o proceso de designación" non precisa que "se inicie e desenvolva simultaneamente aos procesos de elección de directora ou director xeral nin de elaboración e aprobación do mandato marco da corporación por ter cada un deles -Consello de Administración e director ou directora xeral- unha regulamentación singularizada para a súa elección", sendo que se trata de "dous órgaos diferenciados, co seu propio réxime xurídico".

Esta argumentación da Mesa é puramente política e non descansa en ningún ditame xurídico. BNG, AGE e Grupo Mixto solicitaron no seu momento que a cuestión fose avaliada polos servizos xurídicos da Cámara. Estes aínda non se pronunciaron ao respeito.

O debate na Xunta de Portavoces foi moi intenso. Fontes consultadas por Sermos Galiza afirman que o PSOE non tomou a palabra e que o PP se limitou a demandar ao chefe dos servizos xurídicos que informase sobre a legalidade da convocatoria dun pleno extraordinario -fixado para a vindeira segunda feira, ás 16 horas- para a designación dos membros do consello, alén de para a renovación do Consello de Contas e a Valeduría do Pobo. Esa non era a cuestión posta sobre a mesa por parte das forzas que instaron o ditame xurídico e estas reiteraron que o tema en causa era a ilegalidade do nomeamento ao non se axustar aos prazos previstos pola lei.

Previsións temporais da lei

As previsións temporais da lei estabelecen na súa disposición transitoria quinta que "o primeiro Mandato Marco será tramitado e aprobado polo Parlamento de Galiza nos prazos previstos para a primeira elección da directora ou director xeral e demais membros do Consello de Administración".

"A lei é inequívoca. O proceso ten de ser paralelo. Non ten lóxica nomear primeiro os membros do consello cando aínda non se ten aprobado o Mandato Marco. PP e PSOE saben perfeitamente que están a incumprir a lei. Iso é gravísimo", valora Francisco Jorquera, portavoz do grupo parlamentar do BNG.

BNG e AGE non desbotan emprenderen accións legais se se consumar unha designación que achan ilegal

O Bloque, segundo informou a través dun comunicado de imprensa, non desbota emprender accións legais se se consumar a designación por entender que estamos ante "unha ilegalidade manifesta e dun disparate". AGE emitiu un discurso en termos semellantes. Beiras acusou o PSOE de entrega ao PP. "Pasamos dun monopolio a un duopolio", afirmou.

O nomeamento dos membros do Consello de Administración é por espazo de 5 anos. O PP garante así o control con maioría absoluta do órgao que dirixe a CRTVG, con independencia de se, após as próximas eleccións galegas, continúa ou non ao fronte do goberno galego.

Segunda feira, ás 16 horas

O Pleno extraordinario en que en principio se vai substanciar a designación será a vindeira segunda feira por volta das 16 horas. Os membros do consello non tomarán posesión efectiva até que a nova corporación xurdida se materialice (como resultado da disolución da actual CRTVG) e se aprobe o Mandato Marco. En realidade, a previsión é que o novo consello comece as súas funcións apartir de xaneiro de 2016.

Non hai ningunha certeza de que o ditame dos servizos xurídicos da cámara sexa coñecido polos grupos antes de que se realice ese pleno extraordinario.

comentarios