BNG, AGE e Mixto denuncian que nomear agora o Consello da CRTVG incumpre a lei

PP e PSOE pactaron o nomeamento do novo consello de administración da CRTVG sen que o Parlamento teña aprobado aínda o novo Mandato Marco que regulará a compañía. De acordo con BNG, AGE e Mixto, este acordo bipartidista incumpriría a lei.

Por iniciativa do portavoz do BNG Francisco Jorquera -que recabou o respaldo de AGE e o Grupo Mixto-, estes tres grupos políticos rexistaron no Parlamento dúas iniciativas para tentar reverter a intención de PP e PSOE de nomear agora -nun pleno extraordinario do Parlamento aínda por convocar- o novo consello de administración da CRTVG.

Entenden estas tres formacións que a lei de novembro de 2011 -pactada no seu momento tamén por PP e PSOE e que non foi votada polo BNG- prescribe que o nomeamento dos membros do Consello de Administración debe realizarse "nos prazos" en que, paralelamente, o Pleno do Parlamento aprobe o Mandato Marco (unha sorte de estatutos que regularía o funcionamento e estabelecería os obxectivos e funcións a cumprir pola nova compañía).

Isto significa por tanto que nomeamento dos membros do consello de administración e aprobación do mandato marco deberían ser actos practicamente simultáneos.

Sen o Mandato Marco, non é posíbel a conversión da antiga CRTVG na nova corporación que deseña a lei e o nomeamento dos membros do consello de administración carecería de sentido. De facto, non tomarían posesión dos seus cargos até dentro duns meses -cando efectivamente se aprobe o Mandato Marco. A estimación en San Marcos é que o proceso demore até finais de 2015.

4 conselleir@s para o PP, 2 para o PSOE

PP e PSOE pactaron a designación dos 6 cargos do novo consello de administración, cun reparto desigual -4 para a formación conservadora, 2 para a socialdemócrata-. Con esta correlación de forzas, e tendo en conta que o nomeamento é para os próximos 5 anos, o PP faríase co control da televisión e da radio públicas da Galiza até o ano 2020. Podería darse a circunstancia, inédita até o de agora, de que houbese un goberno formado polas forzas que neste momento están na oposición parlamentar e unha CRTVG controlada politicamente por persoas designadas polo Partido Popular.

Fontes consultadas por Sermos Galiza indican que existe un profundo malestar no grupo parlamentar socialista a respeito deste acordo, por o considerar unha iniciativa unilateral do seu secretario xeral, José Ramón Gómez Besteiro.  Esta segunda feira produciuse unha reunión do grupo e por volta de 8 deputadas e deputados do PsdeG tomaron a palabra para criticar o acordo, por precipitado e por non axustarse ás previsións da lei.

Podería darse a circunstancia, inédita até o de agora, de que houbese un goberno formado polas forzas que neste momento están na oposición e unha CRTVG controlada politicamente polo Partido Popular

A impresión que existe en amplos sectores do PSdeG é que Besteiro se dá por amortizado politicamente dada a súa imputación e que quere resolver esta cuestión -designando a persoas da súa confianza -antes de que puidese ser descabalgado do seu cargo de secretario xeral.

Para o portavoz do BNG, Francisco Jorquera, é evidente que "PP e PSOE forzan o espírito e a literalidade da lei" ao levar á Cámara a designación do "consello de administración cando nen sequer hai prazos para a aprobación do mandato marco".

"A lei é clara: consello de administración e mandato marco deben ser aprobados dentro dos mesmos prazos e non un varios meses antes do que o outro", afirma Jorquera.

Reconsideración do acordo e ditame xurídico

BNG, AGE e Grupo Mixto peden por todo isto á Mesa do Parlamento -que previsibelmente se irá reunir a vindeira terza feira para convocar o Pleno extraordinario no que se realizaría o nomeamento do consello- que reconsidere o seu acordo. Aliás, peden tamén aos servizos xurídicos da cámara un ditame sobre esta cuestión, desde a convicción de que con efeito non ten amparo legal a designación antes de que se produza a aprobación do mandato marco.

Comparecencia

Antes de se submeteren á aprobación por parte do Pleno do Parlamento -que ten que referendar o seu nomeamento por maioría cualificada de dous terzos, isto é, 50 deputad@s en primeira instancia ou por tres quintos, ou sexa, 45-, as e os candidatos do PP e do PSOE a seren novos membros do Consello de Administración teñen de pasar por un trámite previsto na lei de novembro de 2011.

Ese trámite é a comparecencia perante a Comisión de Control da CRTVG do Parlamento da Galiza, que se producirá precisamente esta cuarta feira a partir das 10 horas.

Comentarios