Eleccións municipais

Impugnan o censo de Crecente polo ‘incremento anormal’ do padrón de habitantes

O BNG denuncia irregularidades.

Casa do Concello de Crecente (A Paradanta). (Foto: Nós Diario)
photo_camera Casa do Concello de Crecente (A Paradanta). (Foto: Nós Diario)

O BNG impugnou o censo de Crecente (A Paradanta) ante a delegación provincial da Oficina do Censo Electoral tras detectar, unha vez publicada a lista de municipios cun "incremento anormal" do padrón, que este concello se atopa entre eles. Un caso semellante ao denunciado en Castrelo de Miño (O Ribeiro).

Así, denunciaron os nacionalistas, Crecente é "o único concello da provincia de Pontevedra" que se atopa nesa situación de crecemento anómalo do número de empadroados. "Isto confirma unha vez máis nosas sospeitas, que levamos repetindo desde hai meses, de que o Concello de Crecente está a actuar de forma pouco clara no que se refire ao padrón de habitantes", sinalaron fontes do BNG.

O BNG enviou un escrito ao Instituto Nacional de Estatística (INE) a finais de xaneiro, alertando de "posíbeis irregularidades" no padrón nos últimos anos e pedindo que se investigase o "elevado índice de altas" rexistrado desde 2020, unhas 270 altas no padrón nos últimos 3 anos.

Segundo apuntan, esas cifras "non teñen sentido nin lóxica", tendo en conta que Crecente non deixa de perder poboación. "A única explicación", segundo o candidato do BNG á Alcaldía, Benigno López, é que ao alcalde de Crecente, Julio César García Luengo, e ao PP "moléstalles a presenza do BNG na Corporación Municipal".

Benigno López denunciou que o goberno local “popular” pretende deixalo sen acta, e lembrou os feitos ocorridos hai 8 anos cando, apuntou, "chegaron ao extremo de cambiar o domicilio da nai do candidato do BNG para o veciño concello da Caniza".

Non é a primeira vez que o BNG dá a voz de alarma sobre supostas irregularidades no censo de Crecente. En anteriores convocatorias electorais, tanto Benigno López como outros edís que lle precederon, denunciaron incrementos pouco explicables no padrón municipal en véspera de eleccións.

Máis de 40 anos de Gobernos conservadores

O Concello de Crecente está gobernado con maioría absoluta polo PP, que ten 8 dos 11 concelleiros (aos que se suman dous socialistas e un do BNG), aínda que nos próximos comicios os veciños elixirán 9 edís, debido precisamente á perda de poboación.

Neste municipio da comarca da Paradanta, o primeiro alcalde da actual democracia foi o pai do agora rexedor, que ostentou o bastón de mando desde 1979 ata 2007.

O seu fillo, Julio César García Luengo, foi alcalde nun primeiro período entre 2007 e 2014, cando cedeu o goberno a Marisol López para cumprir unha condena de inhabilitación por negarse a executar unha orde xudicial de derriba. En 2015 volveu presentarse e de novo o PP gañou con maioría absoluta, mantendo a Alcaldía ata hoxe.

Comentarios