A oposición exixe anular as altas irregulares no censo de Castrelo

BNG e PSdeG ven "confirmadas" as súas denuncias.
Unha das casas en que se realizaron os empadroamentos de Castrelo de Miño denunciados pola oposición. (Foto: PSdeG)
photo_camera Unha das casas en que se realizaron os empadroamentos de Castrelo de Miño denunciados pola oposición. (Foto: PSdeG)

Após confirmar o Instituto Nacional de Estatística (INE) un incremento non xustificado de censos en Castrelo de Miño (comarca do Ribeiro), o BNG da localidade anunciou a Nós Diario que reclamará ao INE que non se formalicen as "altas irregulares".  O anuncio do departamento de Estatística confirma as sospeitas de "empadroamentos masivos" que lanzou en xaneiro a oposición ao Goberno do PP en Castrelo de Miño, concello no que unha moción de censura elevou Avelino Pazos (PP) á Alcaldía.

Segundo a oposición, con estas altas no censo de Castrelo, o PP buscaría gañar os votos necesarios para conseguir a Alcaldía nas próximas eleccións municipais

Esteban Suárez, ex alcalde e actual portavoz municipal do BNG, cualifica os feitos de "delito electoral". "O que tiñan que facer era suspender xa esas altas até que se aclaren as irregularidades", afirma. Os nacionalistas pedirán, ademais, explicacións por parte do alcalde, Avelino Pazos, e dos seus concelleiros.

"É incríbel a degradación que está a facer Pazos e o seu equipo de Goberno. Pasamos de ser un concello de referencia a ser noticia nos xornais polas falcatruadas deste Goberno", engadiu Suárez.

A concelleira do PSdeG en Castrelo de Miño Catalina González tamén puxo en coñecemento do INE a existencia das 46 novas persoas empadroadas nun concello que contaba con 1.380 habitantes. Alén da denuncia en Estatística, o PSdeG tamén fixo o propio na Fiscalía.

González asegurou que as altas de Castrelo de Miño localízanse en vivendas relacionadas co PP e unha das persoas tránsfugas que lle deu o apoio na moción de censura. "O maior número de empadroamentos era en casas de concelleiros do Goberno do PP e dun dos tránsfugas cos que conta", afirmou González.

San Amaro

O caso de Castrelo de Miño non é o único. Outra das localidades que figuran no INE como analizadas por un incremento non xustificado é San Amaro (O Carballiño), onde tamén goberna o PP após unha moción de censura que quitou a Alcaldía a Xuntos por San Amaro. 

Comentarios