VOCES DE CAMPAÑA / OLALLA RODIL

"​Imos tratar de pegar un golpe na mesa o 20D e sorprender a todo o mundo cos resultados”

A cabeza de lista de Nós-Candidatura Galega por Lugo asegura que a percepción do día a día da campaña difire dos resultados que agoiran as enquisas.

Olalla Rodil


Como estás vivindo os últimos días de campaña?

Con moito ánimo. Estamos a percorrer a provincia de arriba a abaixo. Estamos vendo moita receptividade da xente e iso danos moita forza.

Que pode aportar Olalla Rodil como deputada e máis unha candidatura como a de Nós?

Unha voz propia e un proxecto político para Lugo e para Galiza, que é o que marca a diferenza entre Nós-Candidatura Galega e outras forzas. Eu a nivel persoal, quizais a frescura pola miña idade e por ser unha persoa que se incorpora nova. Pero tamén por ser xornalista creo que unha perspectiva bastante ampla e diversa da realidade do país.

"A única forma de frear a crise demográfica pasa por garantir unha vida digna no rural e unha aposta política decidida polos nosos sectores produtivos"

Es a cabeza de lista máis nova do país. Cales son os retos para a mocidade?

A emigración xuvenil que estamos a vivir nos últimos anos, agravada despois do estoupido da crise. A pesar de que non está na axenda política como debera, como un eixo central de todas as institucións, esa é para nós unha cuestión fundamental. Galiza non pode seguir aguantando a sangría na que nos atopamos, con esas taxas de emigración entre os menores de 35 anos. Nese sentido, traballando para freala, poderemos reverter outra das cuestións básicas que atinxen a Galiza como a crise demográfica e o avellentamento da poboación, que no caso das circunscricións de Lugo ou Ourense é máis patente. É un elemento chave do noso programa e do proxecto político que representamos.

Como reverter esa situación?

Garantindo unha vida digna no rural. É a única forma de evitar que a xente siga marchando e poda desenvolver o seu proxecto de vida. para iso hai que garantir un posto de traballo e uns servizos mínimos, que agora están sendo desmantelados. Moitos xa foron anavallados nos últimos anos. E despois é precisa unha aposta política decidida polos nosos sectores produtivos. No caso de Lugo, especialmente do sector lácteo, o de produción de carne de vacún e coello ou o sector pesqueiro da Mariña. Desde Nós-Candidatura Galega apostamos en defender os nosos sectores produtivos e poder ter un posto de traballo vinculado a eles, o que garantiría frear ese despoboamento rural.

"Lugo é a eterna esquecida en materia de infraestruturas"​

Un dos eixos da túa campaña son as infraestruturas. Que precisa a provincia?

Lugo é a eterna esquecida en materia de infraestruturas. É a única provincia practicamente sen tren. Non estamos nin conectados coa capital de Galiza. É imposible ir de Lugo a Ribadeo sen pasar por Ferrol ou as poucas liñas que van de Lugo a Monforte nin sequera conectan a súa poboación, porque a pesar de existir infraestruturas están infrautilizadas. Por iso reclamamos as competencias en materia de transporte, para poder deseñalas de acordo coas necesidades da nosa poboación. E non como nos anuncia agora o señor Feijóo, cunha liña de alta velocidade que conecte Lugo con Madrid en tres horas. O que queremos é que a poboación teña dereito á mobilidade e responder ás súas necesidades, e non aos intereses do presidente da Xunta. Máis ben semella que quere levar ao seu deputado ou deputada a Madrid con todas as comodidades. 

Tres mulleres encabezan as lista de Nós. Como persoa vinculada ao movemento feminista que valor ten?

Que as mulleres ocupen o oco que lles corresponde. Somos a metade da poboación e ficamos excluídas dos procesos de toma de decisión. Que tres mulleres sexamos cabezas de lista é un reflexo desa realidade social. Nós facemos unha defensa decidida contra as desigualdades, e especialmente as relacionadas co xénero. É fundamental que as mulleres teñamos o espazo que nos corresponde por dereito. E despois temos que garantir unha vida libre de violencia. É moi importante conceptualizar e visibilizar o que está a acontecer. Non é unha lacra social, como nos din, se trata dun problema político, polo que urxen medidas para rematar con esa situación.

"Que tres mulleres sexamos cabezas de lista é un reflexo da realidade social".

Unha situación que non se limita ás relacións de parella. As desigualdades e a violencia contra as mulleres atopámolas en outros espazos como a fenda salarial no ámbito laboral ou, por exemplo, nesa visión estereotipada e a cousificada das mulleres. Propoñemos un estatuto de vítima do feminicidio para garantir que as mulleres poidan acceder a  medidas de protección con denunciar o seu caso nos servizos sociais, sen necesidade de que acudan a unha comisaría. E que se protexan e se recoñezan como vítimas tamén ás crianzas, tantas veces excluídas.

Nos últimos días fálase moito de sondaxes. Que valoración fas delas?  

Eu ás enquisas non lles dou máis valor do que teñen. Tratan de tomar o pulso á campaña electoral. Pero nós seguimos traballando e a percepción que temos é outra. Estamos notando un cambio para mellor nesta recta final, tanto nas redes como no día a día cando nos achegamos ás localidades e comarcas. Hai moito ánimo e cada vez teñen mellor acollida as propostas de Nós-Candidatura Galega. Por iso imos tratar de pegar un golpe na mesa o 20 de decembro e sorprender a todo o mundo cos resultados. 
 

Comentarios