O Goberno galego renuncia definitivamente a regular as casas de apostas

Así o manifestou Rueda nesta terza feira no Parlamento galego, após unha pregunta formulada polo deputado do Bloque Nacionalista Galego (BNG) Dani Castro,  quen urxiu á Xunta a presentar na Cámara o anteproxecto da nova Lei do Xogo de Galiza.
O deputado do BNG no Parlamento galego, Dani Castro. (Foto: Nós Diario)
photo_camera O deputado do BNG no Parlamento galego, Dani Castro. (Foto: Nós Diario)

O vicepresidente primeiro da Xunta e conselleiro de Presidencia, Alfonso Rueda, afirmou que a Xunta non ten competencias para a regulación do xogo en liña, confirmando así a renuncia do Goberno galego a regular as casas de apostas.

Así o manifestou Rueda nesta terza feira no Parlamento galego, após unha pregunta formulada polo deputado do Bloque Nacionalista Galego (BNG) Dani Castro,  quen urxiu á Xunta a presentar na Cámara o anteproxecto da nova Lei do Xogo de Galiza.

Para o nacionalista, a urxencia desta medida vén dada polo feito de que o actual marco legal data xa de 1985 e non regula a realidade actual, marcada polos cambios evidentes tanto no xeito de apostar, como nos lugares, cunha presenza crecente das casas de apostas.

Castro lembrou que o Goberno galego comezou a falar dun novo anteproxecto de lei en 2016, "xa que é un dos poucos no Estado que non a renovaron". Porén, "en abril de 2022 seguimos sen ela", pese a que, segundo recalcou, "estamos ante un problema gravísimo que causa perda de saúde mental, adicción, empobrecemento e baixada do rendemento académico".

Resposta de Rueda

Na quenda de resposta, o vicepresiente primeiro da Xunta afirmou compartir a "preocupación" do Bloque, pero insistiu en que o Goberno galego non conta con cometencias para regular o xogo.

Rueda botou balóns fóra e acusou o actual ministro de Consumo, Alberto Garzón, de só "sacar un decreto en catro anos", fronte ás "doce que fixo a Xunta", a pesar de negar segundos antes que o Goberno galego tivese capacidade para regular as casas de apostas.

Relacións entre a Xunta e as casas de apostas

Na contrarréplica, Castro fixo referencia ás distintas acusacións da Audiencia Nacional contra a Xunta por protexer os intereses económicos dalgunhas empresas de xogo fronte a outras, das supostas relacións cos donos de Luckia, que apareceron como doadores de 100.000 euros ao PP na trama Gürtel ou da incorporación do exministro do PP, Rafael Catalá, á empresa de apostas Codere.  

O nacionalista cuestionou se a Xunta puidera "non estar facendo nada porque son os seus amigos ou os seus militantes os que dirixen estas empresas, mentres hai rapaces e rapazas que seguen deixando as súas vidas en Luckias e Coderes".

Neste sentido, convidou o Goberno galego a comprometer a presentación no Parlamento do anteproxecto da nova Lei do Xogo para "disipar calquera dúbida".

Comentarios