Aprobado un tímido regulamento do sector do xogo

Prohíbense os patrocinios de casas de apostas
O ministro de Consumo, Alberto Garzón. (Foto: EP).
photo_camera O ministro de Consumo, Alberto Garzón. (Foto: EP).

O Consello de Ministros aprobou durante a xornada de hoxe o Real Decreto de comunicacións comerciais das actividades do xogo, que regula a publicidade do sector das apostas e xogos de azar online no Estado español e que contempla sancións de até 1.000.000 de euros e a suspensión da actividade empresarial.

Deste modo, a norma aprobada desenvolve os artigos 7 e 8 da Lei 13/2011 do 27 de maio, de regulación do xogo, e prohibe con ela a publicidade audiovisual fóra do horario de 1 a 5 horas.

Ademais, o novo texto axusta o contido das mensaxes publicitarias "coa intención de protexer os sectores máis vulnerábeis" e impide aos operadores do mercado do xogo a emisión de bonos de captación de xogadoras, entre outras medidas, tal e como informou o ministro de Consumo, Alberto Garzón, que tamén destacou que co novo regulamento as empresas só poderán dirixir as súas ofertas "a clientes rexistrados e verificados e, en ningún caso, a persoas que mostrasen comportamentos patolóxicos na actividade do xogo".

Entre outras medidas, os clubes non poderán asinar contratos de patrocinio con casas de apostas que impliquen levar publicidade de xogos de azar en camisetas e equipamentos, polo que Celta e Dépor terán que renunciar a esta fonte de ingresos.

Ademais, os equipos tampouco poderán realizar actividades de patrocinio que consistan "na utilización da marca dun operador para identificar unha instalación deportiva" e a publicidade de apostas en estadios deportivos, cando acollan eventos emitidos en directo, "deberá axustarse aos mesmos horarios que ao resto de soportes".

Unha reforma que sabe a pouco

Este Real Decreto, representando un avance con respecto á situación previa -definida polo ministro como "a lei da selva"-, queda curto para numerosos sectores da sociedade que levan anos pelexando contra a lacra do xogo, e que esixían ao departamento de Garzón que se cinguise ao programa electoral de Unidas Podemos.

Por exemplo, a formación morada defendía no pasado a "prohibición total" da publicidade do xogo" -para eles, un sector de "voitres"- e que as casas de apostas non puidesen abrir as súas portas "antes das 22 horas", quedando ambas as propostas fóra da nova normativa.  

Comentarios