Consello da Xunta

O Goberno galego destinará 32 millóns de euros ao sector mineiro até 2024

Rueda ve importante "fortalecer" a competitividade das empresas.
Complexo mineiro de San Finx, no concello de Lousame, comarca de Noia. (Foto: Ecoloxistas en  Acción)
photo_camera Complexo mineiro de San Finx, no concello de Lousame, comarca de Noia. (Foto: Ecoloxistas en Acción)

O Consello da Xunta aprobou esta quinta feira a Axenda de Minaría Sostíbel 2020-2030, unha aposta, en palabras do presidente galego, Alfonso Rueda, por fortalecer "a competitividade do sector" mineiro, a quen situou como un dos polos de desenvolvemento da economía galega.

Alfonso Rueda avanzou que nestes tres anos, entre 2022 e 2024, ao abeiro deste proxecto destinaranse 32 millóns de euros a diferentes actuacións e iniciativas, entre as que citou a creación dunha oficina para captar fondos europeos para estas empresas, ou avanzar na dixitalización das mineiras e da propia Administración en relación aos trámites mineiros.

A recuperación ambiental de zonas mineiras que xa non están en explotación ou a captación de novos recursos e xacementos tamén se enmarcan nas finalidades desta axenda mineira da Xunta. O presidente incidiu en que a Galiza "é líder" a nivel de Estado na minaría de lousa, granito, seixo ou rochas ornamentais. "Un sector que xera de media 250 millóns de euros anuais", 10% do total do Estado, engadiu o titular da Xunta, que indicou que a axenda aprobada tamén marca como obxectivo "dar a coñecer a importancia deste sector".

Este apoio do Goberno galego ao sector mineiro non é unha novidade. A Xunta asina anualmente convenios coa Cámara Mineira Oficial da Galiza que teñen entre os seus obxectivos "a promoción social e divulgación do sector". En 2021 a Consellaría de Economía destinou a ese convenio 80.000 euros.

Oposición veciñal e social

Certos proxectos mineiros estiveron nos últimos anos no albo de movementos veciñais e sociais, que alertaban do seu impacto ambiental, social e mesmo económico nas comarcas onde se proxectaban. Corcoesto (Cabana de Bergantiños), Touro, San Finx (Lousame)... foron algúns dos escenarios desta oposición.

En novembro de 2020, o Consello da Xunta cesaba o director xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, Ángel Bernardo Tahoces —alto cargo do Goberno galego desde 2009— que estaba pendente de varias denuncias e investigacións xudiciais en relación a iniciativas e proxectos mineiros.

Desde plataformas como Contraminaacción alertaban xa en marzo de 2021 do uso do concepto "minaría sostíbel ou sustentábel" por parte da Administración e empresas do sector: "Son campañas de enxeñaría social e green washing para dar carta de natureza a proxectos inviábeis desde o punto de vista técnico, xurídico e ambiental".

Novo anuncio dun proxecto estratéxico

Na súa comparecencia ao finalizar a reunión semanal do Goberno galego, Alfonso Rueda informou da declaración como Proxecto Industrial Estratéxico (PIE) da proposta de Trisquelium impulsada por Forestal do Atlántico en Ferrolterra para xerar metanol verde. A empresa prevé investir 176 millóns de euros. Rueda lembrou que este é o terceiro PIE aprobado polo Goberno galego.

O anuncio realízase mentres seguen no ar outros proxectos, anunciados no seu día como "chaves" para a economía galega, caso da fábrica de viscosa de Altri para Palas de Reis.

Recurso contencioso contra o Goberno estatal polo lobo

O primeiro anuncio que fixo o presidente galego na súa comparecencia de prensa de onte após o Consello da Xunta foi a interposición dun recurso contencioso administrativo contra o Ministerio de Medio Ambiente pola "exclusión unilateral e sen fundamento legal" da Galiza do reparto de fondos para axudas polos danos do lobo.

"Quedamos sen 4,5 millóns de euros", lamentou Alfonso Rueda, que anunciou que a Xunta habilitará no Orzamento para 2023 unha partida de 2,5 millóns con esta finalidade, "triplicando as partidas doutros anos".

Axudas a persoas con ELA

Outro dos anuncios realizados foi o de destinar 3,2 millóns de euros en axudas para persoas afectadas pola ELA, Esclerose Lateral Amiotrófica. Na Galiza hai entre 250 e 300 persoas con ELA, informou Rueda, e cada ano detéctanse entre 40 e 50 casos.

Comentarios