Cando decidirá Altri a ubicación da súa fábrica de viscosa?

"A súa instalación dependerá dos fondos europeos", afirmou o alcalde de Palas de Rei.
O CEO de Altri José Soares, con Alberto Núñez Feixoo e Miguel Corgos. (Foto: Nós Diario)
photo_camera O CEO de Altri José Soares, con Alberto Núñez Feixoo e Miguel Corgos. (Foto: Nós Diario)

O alcalde de Palas de Rei, Pablo Taboada, confirmou esta quinta feira que a multinacional portuguesa Altri non tomará a decisión sobre a localización da fábrica de fibras téxtiles até xuño do próximo ano. Ademais, Taboada sinalou que esta decisión dependerá dos fondos europeos que se capten.

O rexedor constatou que "os pasos, no que respecta ao proxecto, están a ser firmes, aínda que as noticias que saíron estes días din que até mediados do ano que vén non se vai a tomar a decisión definitiva e empresarial".

Con todo, si que corroborou que "xa hai acordo sobre a leira, concluíuse co estudo xeotécnico e estase co estudo arqueolóxico", pois "se están agora facendo traballos de catas".

Neste sentido, aclarou que "a decisión é estritamente empresarial e os prazos" son os que adoptará o consello de administración da compañía portuguesa "a través do seu accionariado". "Até xuño non se tomará a decisión definitiva, que estará vinculada aos fondos europeos", insistiu.

Financiamento do proxecto

O rexedor concretou que "o financiamento do proxecto é de case 400 millóns de euros e a aspiración que se transmitiu pola firma é de aproximarse a 200 millóns de euros" de achega dos fondos procedentes de Bruxelas.

"Sabemos que se está traballando niso, sabemos que hai reunións e disposición para financiar o proxecto como así transmitiu o presidente do Goberno español ao presidente da Xunta, pero hai que materializalo. Estamos á espera da confirmación do investimento que corresponda", sinalou.

En canto á leira, Taboada indicou que se trata dun solar "en alugueiro con dereito a compra, que está no límite de Pas". A superficie pode alcanzar os 2,5 millóns de metros cadrados, que se poderían ampliar a expensas de que se incorporen "outras leiras" apalabradas.

Comentarios