O Goberno español anuncia a "inminente" declaración de emerxencia para avanzar en paralelo en ambos os viadutos da A-6

"Non se declarou inicialmente a emerxencia de ambas as obras porque non se dispuña do respaldo administrativo necesario para poder contratar unha obra sen licitación aberta", argumenta o Ministerio.
Vista xeral da ponte caída na A-6. (Foto: Alberto Vázquez / Europa Press)
photo_camera Vista xeral da ponte caída na A-6. (Foto: Alberto Vázquez / Europa Press)

O delegado do Goberno estatal na Galiza, Pedro Branco, celebrou esta quinta feira como "unha boa noticia" a "inminente sinatura" da declaración de emerxencia da construción do segundo viaduto da A-6 no Castro, "para poder avanzar en ambos os dous en paralelo". Desde o Ministerio de Transportes aseguran que o informe da inspección que recomenda a declaración de emerxencia para as dúas obras —as dos dous viadutos— "vén defender a postura que mantivo" este departamento "en todo momento".

A Xunta, nomeadamente a través da conselleira de Infraestruturas, Ethel Vázquez, mostrouse en todo momento crítica cos plans de Moncloa para a reconstrución do viaduto do Castro, e exixía que as obras se fixesen ao mesmo tempo. Agora, fontes de Transportes destacan que "o Ministerio está a traballar para asinar a ampliación da emerxencia e poder iniciar canto antes a reconstrución da segunda ponte do viaduto do Castro e así reducir en seis meses os prazos previstos de execución e pór en servizo a infraestrutura en 2024".

Aseguran levar "moito tempo traballando para poder reconstruír as dúas pontes o máis rápido posíbel e declarar a emerxencia da segunda obra co obxectivo de restabelecer a circulación nas condicións habituais na autovía A-6", após o colapso do viaduto o pasado verán.

Cambio na inspección

A Dirección Xeral de Estradas foi a que solicitou o informe da inspección e as mesmas fontes do Ministerio salientan que "forma parte do procedemento para poder ampliar a emerxencia". Engaden que, "agora, vén defender a postura que mantivo este ministerio en todo momento". Aliás, indican que a inspección entregou o informe "favorábel" a semana pasada.

"Non se declarou inicialmente a emerxencia de ambas as obras porque non se dispuña do respaldo administrativo necesario para poder contratar unha obra sen licitación aberta", argumentan as fontes do Ministerio de Transportes. "De feito, inicialmente, a inspección non recomendaba realizar a emerxencia das dúas obras ao non velo necesario", apuntan.

Conforme avanzou a obra, sinala o ministerio, "púidose profundar nesta análise de modo que finalmente puido confirmarse a viabilidade da proposta do Mitma, que está perto de materializarse". Deste modo, destaca que "se poderán aproveitar as sinerxías entre as actuacións, o que se traducirá nunha realización máis áxil dos traballos e unha redución do seu prazo".

"Por fin avala"

Pola súa parte, o delegado do Goberno resaltou que o Ministerio traballa "desde o primeiro momento pondo todos os recursos humanos e económicos necesarios para esta obra, sempre con rigor e seguindo os criterios técnicos marcados en cada fase, para poder devolver a normalidade ao acceso pola A-6 cando antes".

Aplaudiu "por fin dispor" do informe técnico que "avala" os criterios técnicos para poder asinar "de maneira inmediata" a emerxencia. "Este novo paso reafirma o que sempre demostramos: que restabelecer a normalidade no acceso á Galiza pola A-6 é unha cuestión prioritaria para este Goberno", subliñou.

Comentarios