PSOE, PP e Vox únense no Congreso para evitar investigar o derrube do viaduto da A-6

"Deixa entrever que os anteriores gobernos do Estado, de PSOE e PP, teñen algo que agochar", denuncia Rego.
Varios camións cruzan a estrada anexa ao tramo do viaduto colapsado na A-6. (Foto: Europa Press)
photo_camera Varios camións cruzan a estrada anexa ao tramo do viaduto colapsado na A-6. (Foto: Europa Press)

A Xunta de Portavoces do Congreso rexeitou esta terza feira abrir unha comisión de investigación, como pedía o BNG, en relación ao colapso do viaduto do Castro, na A-6 hai perto dun ano. O deputado e portavoz nacionalista na Cámara baixa, Néstor Rego, denuncia a "pinza exercida por PSOE, PP e Vox" para que a proposta non saíse adiante, unha actitude que, ao seu xuízo, "deixa entrever que os anteriores gobernos do Estado, de PSOE e PP, teñen algo que agochar".

"O BNG leva meses reclamando explicacións, así como unha auditoría das infraestruturas semellantes, comezando polos outros viadutos da A-6 e da autovía das Rías Baixas que empregaron o mesmo sistema construtivo", incide Rego, que non considera "normal" que "unha ponte colapse cunha antigüidade de 20 anos", sen que exista a día de hoxe "unha explicación convincente" da causa.

Desde a formación nacionalista urxen a publicación de toda a información relativa ao suceso e aclarar os motivos para "depurar responsabilidades e proporcionar seguranza a todas as persoas usuarias da infraestrutura".

"O informe do Mnisterio de Transportes fala de cuestións como 'deterioración dos materiais empregados', 'corrosión da estrutura interna' 'menor porcentaxe de formigón da esperada', etc., mais non se explica cal é a causa última de que isto acontecese, se foi un inadecuado proxecto construtivo ou unha inadecuada execución dese proxecto construtivo, mais é evidente que algo fracasou", enfatiza.

Rego tamén pon o foco en que o Ministerio encargou o informe sobfre o derrubamento a dúas empresas, MC2 e Ideam, "que traballan habitualmente coas empresas construtoras, FCC e ACS, o que, como mínimo, pon en custión a credibilidade deste".

Sobre o anuncio do Goberno español desta mesma segunda feira de que derrubará un viaduto próximo ao do Castro para reconstruílos conxuntamente e que "admite que hai outros viadutos semellantes con problemas", Rego recrimina que o Ministerio "segue sen dar explicacións, o que non contribúe a tranquilizar as persoas usuarias".

Críticas da Xunta polo "moi longo prazo"

Pola súa parte, a conselleira de Infraestruturas e Mobilidade da Xunta, Ethel Vázquez, mostrou esta terza feira a súa "preocupación" logo de que o Executivo estatal prognostique "a moi longo prazo" a reconstrución total do viaduto da A-6, unha infraestrutura "esencial" para conectar o norte da Galiza coa meseta.

Tras o encontro desta segunda feira entre o Ministerio e representantes de Infraestruturas da Galiza e Castela e León, a Xunta mostrouse "preocupada", xa que, após oito meses, aínda se comezou agora a demoler os viadutos, polo que lamentou a "falta de reacción".

Vázquez puxo o foco na "dobre rectificación" do Executivo. Primeiro porque agora se optará por unha reconstrución total, non só dos taboleiros da ponte, senón dos alicerces e da cimentación. Aliás, criticou que agora só se vaia a reconstruír o viaduto dirección Madrid, que xa vai con certo "atraso", polo que hai "serias dúbidas" de que estea acabado este ano.

Pero a Ethel Vázquez o que máis lle preocupou son os prazos para a reconstrución total da ponte xa que, dixo, o Ministerio prevé construír primeiro o carril dirección á capital e "moi a longo prazo" o outro carril dirección A Coruña. "Vemos falta de implicación e desinterese pola reconstrución total do viaduto da A-6, que vai ser a moi longo prazo, cunha demora de moitos anos. A Galiza vai solicitar unha reconstrución simultánea de ambos os viadutos", reivindicou.

Comentarios