O nacionalismo mobilizarase en Compostela o 25 de xullo

O Día da Patria Galega volve completo de actos. Mentres as institucións programan diversas actividades para conmemorar a data, as organizacións nacionalistas organizan varias mobilizacións en Compostela. A mocidade protagoniza os actos das vésperas.

Acto do BNG no Día da Patria Galega de 2018. (Foto: Nós Diario) #díadapatriagalega #patriagalega #galiza #25dexullo
photo_camera Acto do BNG no Día da Patria Galega de 2018. (Foto: Nós Diario)

A homenaxe a Rosalía e Castelao de Galiza Nova, a manifestación da Mocidade Independentista, a cadea humana pola liberdade dos presos e o Festigal abren o 24 de xullo os actos preparativos do Día da Patria Galega. Nesta liña, as entidades promotoras queren recuperar a tradición dos Mitín das Arengas organizado polo Partido Galeguista no periodo  republicano.

O Bloque Nacionalista Galego maniféstase un ano máis en Compostela. Como é tradicional, a marcha partirá as 12:00 horas da Alameda e após percorrer as rúas da cidade rematará na Praza da Quintana. A mobilización fecharase coa intervención do parlamentario Daniel Castro, da secretaria xeral de  Galiza Nova, Marta Gómez e da voceira nacional do BNG, Ana Pontón.

 O BNG continuará a xornada cos actos do Festigal, na carballeira de San Lourenzo, cuxo comezo está previsto para a noite de 24 de xullo. Neste sentido, a organización prevé diversos actividades, entre eles unha mesa redonda titulada “Medios de comunicación e desinformación no marco europeo”, onde intervirán o xornalista portugués e colaborador de Nós Diario, Bruno Carvalho, o ex director de Berria, Marxelo Otamendi, o director de Ona Mediterrània, Tomeu Martí e a directora de Nós Diario, María Obelleiro.

A xornada do Día da Patria Galega deste ano ten un forte contido simbólico para o BNG, por coincidir co 40 aniversario da grande carga policial contra a manifestación nacionalista de 1983. Precisamente, as protestas dos nacionalistas daquel ano, que cortaron o tráfico durante horas na praza da Galiza, obrigaron ao Goberno do Estado a volver a permitir o remate da marcha na praza da Quintana o ano seguinte.

PCRG, Asembleas e Agora Galiza

O Partido Comunista da República Galega (PCRG) organizará outra das manifestacións previstas en Compostela para o 25 de xullo. Neste caso, a mobilización partirá as 13:00 horas da Alameda e está convocada baixo o lema de “Independencia e Socialismo”. O PCRG rematará a xornada cun xantar de confraternidade.

As Asembleas Abertas Independentistas marcharán, tamén, polas rúas de Compostela baixo a voz de orde de  “A defensa da terra é autodefensa”. Nesta liña, a manifestación partirá as 12:30 da Alameda e nela protestarase contra os proxectos eólicos en marcha na Galiza.

Agora Galiza-Unidade Popular celebrará o Día da Patria Galega cun xantar as 14:00 horas no parque compostelán de Santo Domingos de Bonaval. A formación independentista, que está a desenvolver unha campaña de axitación por todo o país, renuncia este ano a manifestarse.

PSdeG

O PSdeG estará outro ano máis en Rianxo diante do busto a Castelao as 11:30 para “conmemorar o Día Nacional da Galiza”. Nesta ocasión, a intervención política recaerá no secretario xeral da formación e presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso.

Comentarios