Unha escolma do papel/Debates 5x2

Galiza, entre se manter no statu quo ou ir a unha aposta soberanista

Galiza ten perante si dous camiños posíbeis: ou se manter no statu quo actual, o chamado marco autonómico, ou ir a unha nova arquitectura institucional, a un país soberano. Sobre o tema debaten en Sermos, e desde posicións diverxentes, un nacionalista, Francisco Jorquera, e un dirixente do PP que se reclama do galeguismo, Xesús Palmou.

 

Debate 2x5. Francisco Jorquera. Xesús Palmou. xuño de 2017
photo_camera Debate 2x5. Francisco Jorquera. Xesús Palmou. xuño de 2017

Sermos Galiza. O debate entre autonomía e soberanía ten que partir dun feito, o de que a autonomía xa existe e ten un percorrido de no mínimo 36 anos, desde as eleccións de 1981. A primeira cuestión sería, portanto, facerdes un balanzo deste período.

Xesús Palmou. A Constitución de 1978 veu resolver o problema territorial que existía a aquela altura ao estabelecer o estado das autonomías. Naquel momento os constituíntes pretendían que accedesen á autonomía as comunidades que tiñan un feito diferencial, ou sexa, Catalunya, País Vasco e Galiza. Que acontece? Que despois veu o café para todos, un aspecto sobre o cal teño algúns reparos. Para Galiza, o balanzo é sen dúbida positivo. Galiza ten capacidade de autogoberno, pode defender os seus sinais de identidade, a súa cultura, a súa lingua. E, por suposto, ten capacidade para levantar tamén o seu propio proxecto económico, que, claro, está condicionado pola política do Estado, mais tamén pola da UE.

Francisco Jorquera. Ben, se estabelecemos a comparación co franquismo é evidente que representou un avanzo. Mais as cousas hainas que analisar en termos comparativos. E se nos compararmos a respeito doutras nacións sen estado, o noso país non mellorou en todo este período. Temos comprometido ter unha base económica propia, algo indispensábel para ter futuro. Temos un país cada vez máis avellantado, unha emigración crónica, unha das taxas de ocupación máis baixas de Europa e un problema demográfico. Polotanto, non se pode dicer que a posición relativa mellorase. E por que? Polas propias limitacións do marco de partida e porque as institucións autonómicas estiveron hexemonizadas por partidos que non tiñan vontade de aproveitar esas ferramentas para construír un autogoberno pleno, logo chegou o café para todos, a homologación de situacións de natureza total e absolutamente distinta, o que son nacións sen estado e o que son rexións. Iso non está na Constitución. Se lemos a Constitución a resultante podería ter sido que accedesen ao autogoberno só Galiza, Euskadi e Catalunya e que nos outros territorios houbese só unha descentralización administrativa. A simetría nen sequer está na Constitución porque non se poden dar as mesmas respostas a realidades obxectivamente distintas e, en troca, apostouse nun modelo cada vez máis simétrico e foise baleirando o autogoberno através dun uso abusivo da lexislación básica do estado que reduciu moitas veces a potestade lexislativa dos parlamentos das nacións a unha simples autonomía político-administrativa. Aquí poderíamos falar tamén do papel do Tribunal Constitucional, que actuou como un árbitro comprado que favoreceu a equipa máis forte, como ficou en evidencia na súa actuación perante o Estatut catalán. E podemos falar tamén do impacto da integración na UE, co Estado español a negociar directamente con Bruxelas asuntos cuxas competencias están residencidas na Galiza. O problema do modelo autonómico, máis alá de se tiña potencialidades de partida ou non as tiña, é que está absolutamente esgotado e fracasado por como se desenvolveu. E Galiza, como se acaba de ver co asunto da venda do Popular-Pastor, carece das competencias necesarias para resolver os seus problemas.

Francisco Jorquera «Galiza, como se acaba de ver co asunto da venda do Popular-Pastor, carece das competencias para resolver os seus problemas»

Palmou. No ano 78 o ponto de partida de Catalunya, Galiza e o País Vasco era distinto. Apartir daí, quen avanzou máis? Eu entendo que máis Galiza. Como estaba Galiza en 1978? Eramos unha nacionalidade aillada, cunhas estruturas produtivas absolutamente anticuadas, con 30 por cento da poboación activa no sector primario… Que aconteceu ao longo destes anos? Pois que se rachou o aillamento, temos pendente o tema do AVE, mais estamos perfeitamente comunicados co resto de España e Europa. Temos estruturas produtivas perfeitamente equiparábeis ás de Catalunya e ás de Euskadi. No sector primario debemos estar por volta de 8 ou 7 por cento da poboación activa. En todo iso avanzouse e desde logo unha das chaves é que Galiza tivo autonomía e capacidade, aínda que fose limitada. Elaboráronse políticas desde Galiza e para Galiza.

Dito iso, pasaron xa 40 anos da Constitución e entón loxicamente é o momento de ver en que cuestións a Constitución se ve superada pola realidade e necesita unha actualización. E o mesmo vale para o noso estatuto.

Jorquera. Sen eternizarnos no debate do balanzo, insisto en que o asunto se debe valorar do ponto de vista relativo. Ti falache do sector primario. Eu cando viaxo e vexo como están Italia ou Francia o que observo é un sector primario desenvolvido e moderno, mentres aquí na Galiza o que temos é o campo abandonado. Valla isto como exemplo do que pretendo argumentar.

SG. Poñamos agora as luces largas e vaiamos aos modelos antagónicos que defendedes. O aprofundamento da autonomía versus a soberanía.

Palmou. Primeiro ten de haber vontade de diálogo. Será nunha mesa de negociación onde se aborde a cuestión. A Constitución necesita unha posta ao día, en asuntos como a adecuación do Senado á súa condición de cámara territorial. É preciso que na Constitución se reflicta que as comunidades autónomas deben participar con voz propia perante a UE naqueles temas (por exemplo, a política agraria) sobre os que teñen competencias. A política agraria da UE claramente non favoreceu as transformacións que o agro galego necesitaba. Despois está o tema do encaixe das comunidades na Constitución, nomeadamente o de Catalunya. Hai que abordalo através dunha reforma da Constitución que permita que España continúe a ser un país da UE cunha Carta Magna en que todos nos sintamos cómodos. En todo caso, eu non estou por ir a un Estado confederal. Non é a solución. Eu iría máis nunha liña de acentuar o Estado federal, non confederal. Non coñezo ningún modelo de estado confederal que teña sido un éxito.

Xesús Palmou «O Estado confederal non é a solución. Desde o diálogo, eu iría máis nunha liña de acentuar o Estado federal»

Jorquera. Eu, claro, discrepo de Xesús. E creo que se hai un problema de modelo, o que hai que facer é ir a outro modelo. E basicamente o que hai que facer é invertir as relacións que se estabelecen entre o Estado central e os distintos pobos que coexistimos nel. Se admitimos que aquí hai varias nacións, entón haberá que admitir que hai distintos pobos e que teñen que ser suxeitos de soberanía nos seus territorios. O pobo galego o que necesita é plena capacidade de decisión sobre os seus asuntos. Que se recoñeza que é o titular da soberanía na Galiza. En exercicio desa soberanía o pobo galego pode pactar con outros pobos e delegar unha serie de competencias en institucións comúns. Por suposto, iso exixe a vontade de todas as partes; e se non a hai, pois non é pecado ter un estado independente. En Europa nos últimos 25 anos naceron 17 Estados independentes. No ano 1945 a ONU fundouse con 45 estados, agora intégrana 193. É compatíbel ter un Estado independente e á vez participar na comunidade internacional, en termos de igualdade con outros pobos e non de dependencia.


 

Sobre o nacionalismo galego

 

S G. Que fica, se é que fica algo, daquel PP que, en frase mítica de Xosé Cuíña, se situaba á beira da autodeterminación?

Palmou. Ben, é evidente que o PP de Galiza é un partido galeguista. Eu, que fun secretario xeral do PPdeG, considérome un galeguista prácticante. Ora ben, para min o galeguismo, máis que unha doutrina política, é un sentimento. E unha actitude. Un sentimento de amor á terra, amor á nosa cultura, amor á nosa lingua, etc. E eu coido que todo iso se mantén nunha grande parte dos integrantes do Partido Popular de Galiza. En consecuencia, non vexo que teña mudado sustancialmente ese aspecto do partido como un partido próximo á terra, próximo a Galiza e, portanto, dentro dunha estrutura estatal, si, mais cun sentimento e unha actitude galeguista. Ese é o Partido Popular que eu quero, polo que eu traballei e coido que é o PP que continuamos a ter actualmente.

SG. Nunha entrevista no Sermos250, o profesor Antón Losada dicía que un dos problemas do BNG é a súa incapacidade para captar o que chamaba “galeguismo conservador”. Que tería de facer o nacionalismo para o atraer?

Jorquera. Eu receitas nen teño nen reparto. Mais si vou dar miña opinión. Eu son profundamente de esquerdas, pero creo que todo movimento nacionalista ten que ter unha vocación transversal no ideolóxico e no social e intentar articular unha alianza entre distintas clases que comparten uns intereses nacionais comúns. Ten que ter unhas propostas capaces de conectar cun universo social moi diverso e plural no ideolóxico. Toda forza política ten de adecuar as súas propostas ao grao de desenvolvimento da conciencia social e nacional no ámbito en que lle toca actuar. É ben non pretender ir tan alá que te desconectes de sectores que potencialmente poden acreditar na necesidade de ter forzas políticas propias, e un autogoberno real, embora aínda non vexan claro cal é a túa proposta final. Ou sexa, hai que introducir certa graduación no discurso e ter esa vocación de transversalidade inherente a todo movimento nacionalista.

Este debate apareceu no Sermos Galiza nº 251 publicado a 22 de xuño de 2017.

Comentarios