A Galiza estará cun Goberno en funcións durante uns 15 días

O DOG e o BOE ratifican o cesamento de Feixo. O Goberno galego non poderá adquirir compromisos de gasto que non teñan consideración de gasto corrente nin adxudicar contratos de máis de 150.000 euros.

Conselleira e conselleiros no acto no que o presidente da Xunta da Galiza presentaba a súa carta de renuncia (Foto: Álvaro Ballesteros).
photo_camera Conselleira e conselleiros no acto no que o presidente da Xunta da Galiza presentaba a súa carta de renuncia (Foto: Álvaro Ballesteros).

O Diario Oficial da Galiza (DOG) e o Boletín Oficial do Estado (BOE) publican este sábado, unha vez comunicado ao Rei Felipe VI e á Moncloa, a renuncia do líder do PP, Alberto Núñez Feixoo, como presidente da Galiza.

Como seguinte paso legal, os boletíns oficiais galego e estatal publican o real decreto no que, de conformidade co disposto no artigo 15.2 do Estatuto de Autonomía, declárase o seu cesamento a petición propia. O decreto, que subscribe o presidente do Goberno español, Pedro Sánchez, féchase co habitual agradecemento polos "servizos prestados".

Goberno en funcións

Tras o paso dado por Feixoo, tanto el como o seu Goberno quedan en funcións até que tome posesión o seu sucesor, o que ocorrerá, unha vez resoltos a investidura e os trámites parlamentarios previos no Pazo do Hórreo, a mediados de maio.

Até que Rueda tome posesión do seu cargo e nome ao seu Goberno, o actual Gabinete seguirá en funcións, coas súas actividades e decisións limitadas e axustándose á Lei de transparencia e bo goberno impulsada no ano 2016.

A norma estabelece que o Goberno galego deberá limitar a súa xestión ao despacho de asuntos ordinarios, evitando adoptar medidas que condicionen aquelas que deba definir o Goberno que o substitúa.

Sen compromiso de gasto

Ademais, durante a súa permanencia en funcións e excepto casos de urxencia ou cando existan razóns motivadas que o xustifiquen, non poderá, entre outras cuestións, enviar proxectos de lei ao Parlamento, autorizar convenios, adquirir compromisos de gasto que non teñan a consideración de gasto corrente ou aprobar convocatorias de probas de acceso ou de provisión de postos de traballo para calquera categoría de empregados públicos.

Tampouco poderá adxudicar contratos que teñan vixencia plurianual e, en todo caso, aqueles cuxa estimación económica supere a contía de 150.000 euros.

Comentarios