A sucesión na Presidencia da Xunta: votación o 12 de maio e toma de posesión o 14

O pleno de investidura comezará, previsibelmente, o 10 de maio, e rematará o 12 coa votación.
Mesa da Presidencia do Parlamento galego. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Mesa da Presidencia do Parlamento galego. (Foto: Nós Diario)

O reloxo parlamentario da sucesión de Alberto Núñez Feixoo como presidente da Xunta vén de pórse en marcha nesta sexta feira.

Despois de que Feixoo presentase a súa renuncia, primeiro presidente galego que o fai, queda xa só que esta se formalice coa publicación este sábado no Diario Oficial da Galiza (DOG) e no Boletín Oficial do Estado (BOE).

Unha vez o xa ex presidente comunicou a súa dimisión ao presidente do Parlamento galego, Miguel Santalices, este notificoulla de maneira telemática ao xefe do Estado español, Felipe VI, e ao presidente do Executivo estatal, Pedro Sánchez.

Na segunda feira, 2 de maio, Santalices pasará consulta aos grupos do arco parlamentario galego, de menor a maior representación, para coñecer a súa postura e o nome da persoa que e presentará á investidura para asumir a Presidencia até 2024, previsibelmente o vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda.

Aínda que o prazo para a substitución do presidente da Xunta é de máximo un mes, non está previsto que se esgote ese prazo.

Investidura do próximo presidente

Desde esta sexta feira, está previsto que a sucesión de Feixoo non leve máis de 2 semanas.

Despois de que Santalices se reúna cos portavoces parlamentarios o 2 de maio, o día 4 convocarase a xuntanza de portavoces, na que se organizará o pleno de investidura.

Ese pleno comezará, previsibelmente, o 10 de maio, e terminaría o 12 coa votación, na que Feixoo participará, segundo el mesmo confirmou, antes de deixar a súa acta como parlamentario.

Inmediatamente despois, o presidente do Parlamento deberá comunicarlle ao xefe do Estado español o nome do novo presidente do Executivo galego.

Finalmente, terá lugar a toma de posesión, co toda probabilidade o 14 de maio, e despois o anunciarase a composición do novo Goberno da Xunta.

Comentarios