Feixoo, quinto presidente da Xunta da Galiza e o primeiro en dimitir, presenta no Parlamento a súa renuncia

"Estou emocionado; se non te emocionas nestes momentos non te emocionas nunca", dixo na mañá desta sexta feira, tras facer oficial a súa dimisión na Cámara galega.

Alberto Núñez Feixoo entrega a súa renuncia como presidente da Xunta ao presidente do Parlamento, Miguel Santalices. (Foto: Álvaro Ballesteros / Europa Press)
photo_camera Alberto Núñez Feixoo entrega a súa renuncia como presidente da Xunta ao presidente do Parlamento, Miguel Santalices. (Foto: Álvaro Ballesteros / Europa Press)

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, formalizou na mañá desta sexta feira, "emocionado pero tranquilo", a súa renuncia como máximo mandatario galego, unha decisión que activa o proceso da súa remuda no eido institucional, que finalizará coa investidura e toma de posesión do seu sucesor, o actual vicepresidente primeiro, Alfonso Rueda, quen completará o proceso cara a mediados de maio ao designar os membros do seu Gabinete.

O quinto presidente da historia da Galiza desde a aprobación do Estatuto converteuse esta sexta, 29 de abril, no primeiro que renuncia ao seu cargo. Fíxoo logo de ser proclamado líder do PP estatal e como marca o procedemento, mediante a entrega dun escrito de renuncia ao xefe do Lexislativo, Miguel Santalices, co que se reuniu na Cámara galega.

Feixoo, que despois participará nunha reunión extraordinaria do Consello da Xunta antes de ler unha declaración institucional para comunicar a súa dimisión á sociedade galega, chegou pouco despois das 9.45 horas ao Pazo do Hórreo, onde saudou algúns xornalistas e fotógrafos que estaban ás portas agardando a súa chegada.

Subiu á sala de reunións do Grupo Parlamentario Popular para despedirse dos seus deputados. Pouco antes chegaran membros do seu equipo. "Estou emocionado; se non te emocionas nestes momentos non te emocionas nunca", dixo.

Trece anos de Goberno

Deixa a Xunta 13 anos e 11 días despois da súa primeira toma de posesión, o 18 de abril de 2009. Foi ese ano no que tivo a súa primeira vitoria electoral cunha maioría absoluta axustada que lle permitiu tomar o relevo da coalición formada por PSdeG e BNG, con Emilio Pérez Touriño como presidente Anxo Quintana como vicepresidente.

Feixoo revalidou e ampliou as súas maiorías absolutas noutros tres comicios galegos consecutivos, o último decorrido en xullo de 2020, nun contexto marcado pola pandemia.

Malia que alcanzou Manuel Fraga en número de vitorias consecutivas, non chegará a cumprir os case 16 anos que o presidente fundador do PP estivo á fronte do Executivo galego.

Comentarios