Galicia en Común defende a "intervención pública" de San Cibrao e lamenta que Feixoo estea "escondido"

Gómez-Reino vaticina que o goberno "de progreso" que sairá do 12 de xullo poñerá "todos os recursos" da Xunta para "non deixar caer" a planta.

O candidato de Galicia en Común-Anova Mareas, Antón Gómez-Reino, e o cabeza de lista ao 12 de Xullo por Lugo, Miguel  Anxo Fernán Vello, na concentración contra o feche de Alcoa San Cibrao en Foz [Imaxe: Nós Diario].
photo_camera O candidato de Galicia en Común-Anova Mareas, Antón Gómez-Reino, e o cabeza de lista ao 12 de Xullo por Lugo, Miguel Anxo Fernán Vello, na concentración contra o feche de Alcoa San Cibrao en Foz [Imaxe: Nós Diario].

O cabeza de lista por Lugo da coalición Galicia en Común-Anova Mareas, Miguel Anxo Fernán Vello, lamentou que o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, "permaneza escondido" ante o feche de Alcoa San Cibrao (Cervo) e defendeu unha vez máis a "intervención pública" da planta de aluminio.

"Temos clara cal é a solución. Nós defendemos a intervención pública dos sectores estratéxicos, poñendo os recursos e a produción da Galiza ao servizo das necesidades da cidadanía", explicou o tamén ex deputado no Congreso.

Fernán Vello, xunto ao candidato á Xunta por Galicia en Común-Anova Mareas, Antón Gómez-Reino, participou este domingo na masiva mobilización convocada polo comité de empresa de Alcoa-San Cibrao en Foz para pedir o mantemento dos 537 postos de traballo ameazados polo feche da fábrica de aluminio primario.

"Trátase dun problema de vontade política que só se pode frear mediante a presión social e a acción decidida das distintas administracións", suxeriu Fernán Vello, quen lembrou que é un problema que "se reproduce por todo o país".

"Trátase dun problema de vontade política que só se pode frear mediante a presión social e a acción decidida das distintas administracións", suxeriu Fernán Vello

Tras asegurar que a actividade de Alcoa na planta de Cervo representa o 30 por cento do Produto Interior Bruto (PIB) de Lugo, o candidato advertiu que podería darse unha "hecatombe que afianzará a desertización económica" da Galiza.

"Mentres tanto, Feixoo permanece escondido sen presentar un plan de viabilidade para a factoría e para a comarca", afeou tamén Fernán Vello.

Un Goberno “de progreso”

Pola súa banda, o candidato da coalición á Xunta, Antón Gómez-Reino, vaticinou que o goberno "de progreso" que sairá das urnas o 12 de xullo poñerá "todos os recursos" da Administración autonómica para, en colaboración co Estado, impedir o feche da factoría.

"Alguén se imaxina que a Xunta deixase caer Inditex na Coruña, a Coren en Ourense ou a Citroën en Vigo? Pois iso é o que representa Alcoa para Lugo. E nós non imos deixala caer", prometeu.

Neste contexto, lamentou que Feixoo "desprece toda unha comarca, toda unha provincia e todo un país" ao "desentenderse" do problema de Alcoa e "de todo o tecido industrial galego, como tamén sucedeu co sector naval".

Comentarios