Fronte común da Galiza, Asturias e Castela e León polo corredor atlántico

O Estado nomea un comisionado para a conexión.
Adrián Barbón, Alfonso Rueda e Fernández Mañueco, esta sexta feira, en Compostela. (Foto: Europa Press)
photo_camera Adrián Barbón, Alfonso Rueda e Fernández Mañueco, esta sexta feira, en Compostela. (Foto: Europa Press)

Os presidentes da Xunta da Galiza, Alfonso Rueda; de Castela e León, Alfonso Fernández Mañueco, e de Asturias, Adrián Barbón, exixiron esta sexta feira ao Goberno español que, "por xustiza", impulse o corredor ferroviario atlántico. Fixérono coa sinatura dunha declaración institucional ao feche dunha cimeira que reuniu en Santiago  ao redor dun milleiro de persoas do tecido social e empresarial dos tres territorios.

Foi unha cita marcada por un anuncio realizado en paralelo polo Ministerio de Transportes, que designou José Antonio Sebastián Ruiz comisionado para este corredor. Os tres mandatarios viron neste paso un "primeiro logro" da súa alianza. Estes tres Gobernos cifran en 7.884,3 millóns os investimentos necesarios para o corredor atlántico, segundo a estratexia conxunta que presentaron esta sexta feira na capital galega.

Neste foro, onde se deu cita case un milleiro de personalidades do ámbito social, político e económico dos tres territorios, deuse a coñecer a estratexia conxunta que remitirán ao Goberno español para que a tome "de base" na elaboración dun plan director.

Estratexia

Na súa exposición da estratexia ante o auditorio do Palacio de Congresos compostelán, o xerente do clúster da función loxística da Galiza, Iago Domínguez, lembrou que antes o noroeste do Estado "quedaba fóra" e por iso solicitouse a ampliación do corredor. "Conseguiuse, continuouse con estudos de detalle do que era necesario até chegar a día de hoxe cunha estratexia máis desenvolvida que marca un novo paso", relatou.

A proposta estratéxica parte dun diagnóstico após analizar 868,7 quilómetros de corredor. Hai trens que están "lonxe do estándar europeo" con "velocidades máximas en varios puntos con límites inferiores ao 100 km por hora".

Comentarios