Francisco Rodríguez: "O nacionalismo é incompatíbel co sucursalismo"

Rodríguez censurou a "cobertura" que algunhas forzas políticas están a dar a partidos españois na Galiza e defendeu, nunha entrevista concedida á RG, "a auto-organización" como chave para conseguir "mellores condicións de vida" para as maiorías sociais. 

Francisco Rodríguez [Imaxe: Radio Galega]
photo_camera Francisco Rodríguez [Imaxe: Radio Galega]

O que foi secretario xeral da UPG e deputado do BNG no Congreso español por volta de tres lexislaturas, Francisco Rodríguez, debullou nunha entrevista concedida ao programa Galicia por Diante da Radio Galega a súa opinión arredor do panorama que amosa o nacionalismo galego após o xurdimento de novas forzas políticas. 

"O nacionalismo é incompatíbel con dicir que o dereito de autodeterminación, si mais na práctica non"

Unha realidade, a do aparecimento de novas siglas, que para Rodríguez deveu dun "problema político" entre "un sector social que coida que Galiza non se pode desenvolver por si propia" e "transfiren a responsabilidade de que o noso país poida avanzar a deseños externos" e forzas como o BNG que defenden "a auto-organización" do pobo galego.

Para Francisco Rodríguez fica claro que "o tempo se encarga de pór todo no seu sitio" e está certo de que "o nacionalismo é incompatíbel co sucursalismo", afirmou en relación con xurdimento de AGE, mais tamén "con dicir que o dereito de autodeterminación si mais na práctica non" e "dicir unha cousa en Madrid e outra aquí". 

"EU é un partido español nada favorábel que eu saiba a que haxa unha mudanza constitucional favorábel ás nacións integradas no Estado español"

A respeito da conformación da coligación liderada por Xosé Manuel Beiras (Anova) e Yolanda Díaz (Esquerda Unida), Rodríguez considerou que esta "alternativa política" está a servir para "dar cobertura a Izquierda Unida" en Galiza, "un partido español", sinalou, "nada favorábel que eu saiba a que haxa unha mudanza constitucional favorábel ás nacións que estamos integradas no Estado español". 

Cuestión nacional e de clase, unha mesma loita

Inquirido polo xornalista Kiko Novoa en relación coa posibilidade de primar máis a esquerda que o modelo territorial en tempos de crise, Francisco Rodríguez foi taxativo. "É unha falacia dicir que unha cousa é o problema nacional galego e outra o problema de clase", sentenciou. "Se a clase traballadora galega di que quere ter unhas condicións de vida distintas, mentres o país non poida producir [por decisións políticas que se toman fóra de Galiza] non hai maneira". 

"É unha falacia dicir que unha cousa é o problema nacional galego e outra o problema de clase"

Para o membrodo Consello Nacional do BNG, a realidade dos estaleiros galegos dá boa conta desa indivisibilidade, pois "a miseria" apuntou, "até o de agora foise repartindo de maneira que os estaleiros de Puerto Real (Cádiz) prevalecesen sobre os de Galiza". Neste senso, considerou, "a clase obreira ten que ter unha unidade" mais, acrecentou, "de acordo cos intereses lexítimos das clases populares dos distintos países". 

O futuro do nacionalismo

Antes de rematar a conversa no Galicia por Diante, Francisco Rodríguez amosouse partidario de reunir o nacionalismo arredor dun proxecto común, algo para o que o BNG, afirmou, "sempre está aberto". Aliás, Rodríguez coidou que as escisións producidas no seo da fronte nacionalista non se deberon "a unha discrepancia", senón a "un conflito político". 

"O nacionalismo ten que moverse máis na sociedade"

Así, amosouse favorábel a que a folla de rota da organización frontista estea centrada "en moverse máis na sociedade, fóra dos círculos nacionalistas" co obxecto de responsabilizar o pobo galego no seu propio futuro. O Bloque, dixo, ten que "empregar toda a potencialidade que ten e seguir na primeira liña das reivindicacións". 

Comentarios