18-F

A FP Básica, a proposta de Rueda contra o abandono escolar

O PP defendeu este sábado unha visión "ampla" da educación, sen "ningún tipo de imposicións lingüísticas nin ideolóxicas"

Alfonso Rueda e Román Rodríguez, este sábado, en Compostela. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Alfonso Rueda e Román Rodríguez, este sábado, en Compostela. (Foto: Nós Diario)

O candidato do PP á Presidencia da Xunta da Galiza, Alfonso Rueda, prometeu este sábado un plan educativo contra o abandono escolar que terá como piar fundamental o impulso á formación profesional, o Plan FPGal360.

Rueda clausurou este sábado un acto sectorial sobre educación que, decorrido na Cidade da Cultura, serviu para facer repaso das medidas tomadas en Educación durante o seu Goberno. Nel participaron, ademais de profesionais do sector, o actual conselleiro de Educación e número 4 na candidatura popular por Pontevedra, Román Rodríguez.

Tal e como destacou, unha das súas prioridades revalida a presidencia da Xunta o próximo 18 de febreiro será lograr o "abandono cero" na educación. "Temos que dar oportunidades a todo o mundo e facer ver á mocidade que sen educación, sen formación, van ter moi difícil conseguir nada na vida. E probabelmente sexa moito máis complicado velo cando tes 14 ou 16 anos. O malo é despois, cando tes máis anos, velo clarísimo e ás veces non ten remedio", comentou.

Así as cousas, o PP promete pór en marcha unha 'Formación Profesional Galicia 360', "que non é outra cousa que conseguir ese obxectivo de detectar, en primeiro lugar, e de previr o abandono escolar antes de que se vaia a producir, en segundo lugar". "O obxectivo é tentar emendalo canto antes e derivar a todo ese alumnado que decidiu que non quería seguir formándose a unha opción moi rendíbel que é a formación profesional básica".

"Ensinar, non adoutrinar"

Alfonso Rueda aseverou que na Galiza a educación "non cre en ningún tipo de imposicións lingüísticas nin ideolóxicas, nin visións que se perseguían só dunha parte da sociedade"; senón "unha visión ampla de que a xente formada positivamente decida en liberdade". "Eu creo que esa é a base de calquera sistema de educación que quere que un país prospere", defendeu.

"Na docencia hai que dedicarse a ensinar, a formar; non a adoutrinar. Creo sinceramente que o que facemos non é adoutrinamiento. Iso crea rexeitamento", apostilou, insistindo ademais en que "unha cousa é educar en valores e outra en ideoloxías".

Denuncia da CIG

A respecto deste acto, CIG-Ensino denunciou esta semana nun comunicado que desde o PP enviáronse correos electrónicos aos enderezos oficiais dos centros educativos ou cargos da Consellaría de Educación para convidar o profesorado a participar.

Para o sindicato, isto supón unha "permanente confusión de precampaña e campaña" e aseguran que se trata dunha "calculada confusión" á hora de explicitar se se trata dun acto do PP ou un do departamento galego. "En todo caso, estas manobras supoñen un uso reprobábel dos correos oficiais dos centros por parte do PP", censuran.

 

Comentarios