O PP envía correos a enderezos oficiais de centros de ensino para que participen en actos electorais

CIG-Ensino advirte que cargos da Consellaría están a convidar o profesorado a un acto de partido sobre educación.

ensino

Correos electrónicos remitidos desde o PP ao mail oficial de centros de ensino ou cargos da Consellería de Educación a convidar o profesorado a participar nun acto do Partido Popular. CIG-Ensino sinala nun comunicado que nestes días estase a asistir a unha “permanente confusión de precampaña e  campaña”.

Unha situación, sinala o principal sindicato do ensino público, no que sitúa “dous feitos insólitos”.

Por unha parte, indica “por vez primeira o partido no Goberno enviou un convite por correo-e aos centros educativos animándoos a participar nun acto electoral o vindeiro sábado centrado na educación”.

“Mesmo altos cargos da Consellaría, como a directora xeral de FP, terían chamado ás direccións dos CIFP (profesorado posto a dedo como cargos de libre designación) para animar á participación do profesorado”, afirman desde este sindicato.

Na transmisión que deu nalgúns casos hai unha “calculada confusión á hora de indicar se é un acto do PP ou un dos habituais “eventos” da Consellaría nos que non cesa de gastar cartos desde hai anos. En todo caso, estas manobras supoñen un uso reprobábel dos correos oficiais dos centros por parte do PP”, conclúe CIG-Ensino.

A central tamén apunta que “a inspección educativa, que xa tiña avanzado nas últimas semanas aspectos relacionados coa aplicación das novas ratios recibiu instrucións das xefaturas de inspección de “parar a validación da oferta nos centros que teñen aulas mixtas até, como mínimo, a metade de febreiro”.

Para o sindicato isto "coincide coas dúbidas sobre a aplicación das novas ratios expresadas por algún Xefe Territorial en datas recentes. Todo indica que se quere agardar a que pase o 18-F e se pechen as urnas, o que implica nas datas nas que estamos, a menos de un mes para o inicio do período de admisión nos centros, unha vergoña”.

Comentarios