23-X

As forzas de esquerda obterían maioría absoluta no Congreso nunha repetición electoral segundo un novo Electopanel

O PSOE, Sumar, Bildu, ERC e o BNG sumarían 176 escanos.
O portavoz do BNG no Congreso, Néstor Rego, conversa co presidente do Goberno español, Pedro Sánchez (Foto: Alberto di Lolli / POOL).
photo_camera O portavoz do BNG no Congreso, Néstor Rego, conversa co presidente do Goberno español, Pedro Sánchez (Foto: Alberto di Lolli / POOL).

Os votos dos tres partidos soberanistas de esquerda con representación no Congreso do Estado español, o BNG (1), ERC (5) e Bildu (6), sumados aos do PSOE (128) e Sumar (36) serían suficientes (pola mínima) para conseguir os 176 apoios necesarios para unha eventual investidura no caso de que se repetisen actualmente as eleccións, segundo o Electopanel do 13 de agosto publicado este domingo polo portal especialista en sondaxes Electomanía.

Segundo o último Electopanel do portal, o PSOE sería a forza máis votada nunhas novas eleccións con 33,4% dos sufraxios (1,7 puntos máis), aínda que ficaría como segunda forza en número de escanos polo efecto do reparto de asentos na Cámara Baixa nas circunscricións electorais.

Desta forma, o PSOE conseguiría un aumento de seis escanos con respecto ao resultado do pasado 23 de xullo. Ao xuntar os seus votos aos de Sumar, os dous partidos con representación no actual Goberno de coalición obterían un total de 164 escanos, tres escanos por diante da suma de PP e Vox, que ficarían en conxunto en 161 asentos.

O PP perdería catro escanos, ficando en 132, aínda que seguiría sendo a forza con máis asentos no Congreso español. Porén, os conservadores perderían a posición como forza máis votada, con 32,5% dos sufraxios, un punto menos dos que obtiveron o pasado 23 de xullo.

Sumar aumentaría a representación en cinco escanos, até os 36, con 13,6% dos sufraxios, 1,3 puntos máis que nas eleccións do 23 de xullo, e adiantaría a Vox como terceira forza en asentos e en votos. Pola súa parte, os de ultradereita deixaríanse catro escanos máis e caerían até 12,1% en porcentaxe de voto, perdendo 0,3 puntos porcentuais.

O BNG mantería o seu actual escano, cun aumento do voto de 0,6% a 0,7% que aínda non sería suficiente para aumentar a representación. Porén, ese asento na Cámara Baixa sería imprescindíbel para que as forzas da esquerda estatal e as da esquerda soberanista puideran unir forzas de cara a unha investidura, sempre segundo os resultados do Electopanel.

O estudo de Electomanía sinala unha derrota para ERC, que caería dous escanos máis, até os cinco. Junts, pola súa parte, mantería a súa actual representación, con sete. Bildu obtería un bo resultado, ao conseguir manter os seis asentos na Cámara Baixa que teñen actualmente, mentres que o PNV perdería un e ficaría con catro. Ademais, Unión del Pueblo Navarro e Coalición Canaria manterían o seu actual escano.

Comentarios