23-X

Coalición Canaria aposta polo PNV para a Presidencia do Congreso español

A Mesa do Congreso dos Deputados do Estado español constituirase a próxima semana.
O presidente de Canarias, Fernando Clavijo (Foto: Europa Press).
photo_camera O presidente de Canarias, Fernando Clavijo (Foto: Europa Press).

O presidente de Coalición Canaria (CC), Fernando Clavijo, apostou polo Partido Nacionalista Vasco (PNV) para presidir a Mesa do Congreso dos Deputados do Estado español que se constituirá a próxima semana.

Así o indicou o tamén presidente de Canarias nunha entrevista en La Vanguardia na que insistiu en que lle "encantaría" que por primeira vez un nacionalista puidese presidir o Congreso.

"E aí a nosa aposta clara é o PNV", aseverou. "Sería un xesto e unha evidencia dese cambio que se está producindo e dunha representación plural que lanzaron as urnas", engadiu.

O presidente de Coalición Canaria indicou que se trataría ademais dun "bo síntoma" de entendemento para que se poida entender a unha autonomía como Canarias.

Por iso, continuou, "encantaríanos que na Presidencia ou na Vicepresidencia do Congreso puidese haber un nacionalista e a nosa aposta está clara que é polo PNV".

"Un referente para CC"

O canario lembrou que entre nacionalistas canarios e vascos hai unha "estreita relación" desde hai moitos anos. "E desde logo, o PNV é un referente para CC como organización nacionalista", explicou.

Finalmente, apuntou que a pesar de que Euskadi é territorio continental e Canarias son illas, ambos teñen aproximadamente a mesma poboación e que comparten estratexias e posicións.

ERC insiste nun "entendemento estratéxico" con Junts

A secretaria xeral de Esquerra Republicana de Catalunya (ERC), Marta Rovira, afirmou que a súa forza política dá prioridade ao "entendemento estratéxico" con Junts e que non quere renunciar á "forza conxunta e necesaria" de 14 deputados para negociar a investidura do presidente en funcións e candidato do PSOE á Presidencia, Pedro Sánchez.

Rovira díxoo en X (a rede social antes coñecida como Twitter) e achegou unha noticia de La Vanguardia deste domingo segundo a cal Junts ve inviábel unha fronte común cos republicanos. A representante de ERC Sinalou que "14 [representantes na Cámara Baixa] coordinados estratexicamente pesan máis que sete por cada lado" e engadiu que tanto o PSOE como Junts xa coñecen a posición da súa forza política.

Comentarios