23-X

Un novo panel electoral coloca Pedro Sánchez por diante de Feixoo nunha eventual repetición electoral

Pedro Sánchez e Alberto Núñez Feixoo no debate electoral (Foto: Eduardo Parra / Europa Press).
photo_camera Pedro Sánchez e Alberto Núñez Feixoo no debate electoral (Foto: Eduardo Parra / Europa Press).

Electomanía publicou este sábado un adianto dos datos do seu Electopanel do 13 de agosto despois das eleccións estatais do 23 de xullo e no medio da incerteza xerada sobre a gobernabilidade do Estado español a raíz do resultado das votacións.

Segundo o portal especializado en sondaxes electorais, o PSOE de Pedro Sánchez recuperaría a posición de forza máis votada en detrimento do PP liderado por Alberto Núñez Feixoo, aínda que por pouca marxe.

O adiantamento dos socialistas aos populares acontecería a pesar dun aumento da porcentaxe de votos dos segundos, que se verían beneficiados dunha caída da ultradereita de Vox.

O partido ultraespañolista vería lastradas as súas expectativas electorais despois da crise interna que se está a dar na forza que encabeza Santiago Abascal.

O último portavoz no Congreso de Vox, Iván Espinosa de los Monteros, así como o que tería sido o seu substituto na Cámara Baixa, Juan Luis Steegmann, decidiron abandonar o grupo parlamentario da forza de ultradereita, provocando a actual crise dos de Abascal.

Ademais, segundo Electomanía, as forzas soberanistas catalás, ERC e Junts, sufrirían cunha eventual repetición electoral, caendo nos seus resultados mínimos das últimas convocatorias das eleccións ao Parlamento do Estado español.

Máis datos este domingo

Polo de agora, o portal especializado en sondaxes electorais non ofreceu datos para o resto de forzas do arco parlamentario nin sobre os resultados específicos para a Galiza. Porén, Electomanía fará unha publicación máis extensa dos datos deste Electopanel este domingo.

Comentarios