A oposición pide a Pilar Rojo que medie para que Feijóo responda ao que se lle pregunta

Fartas de que nas sesións de control ao goberno sexan as portavocías da oposición as que respondan ás interpelacións do presidente da xunta, BNG, AGE e PSdeG solicítanlle á presidenta da Cámara que arbitre.

Os tres grupos da oposición remitiron esta cuarta feira un escrito conxunto á presidenta do Parlamento, Pilar Rojo, para que "exerza as funcións arbitrais que lle están atribuídas" e impida que Alberto Núñez Feijóo manteña os roles invertidos nas sesións de control ao goberno.

E é que para os portavoces da oposición, o presidente da Xunta de Galiza eríxese acotío en "interpelante" e pasa a exixir explicacións ás demais forzas da Cámara en troca de responder ás que lle son formuladas. 

Segundo o escrito rexistrado no Parlamento, BNG, AGE e PSdeG, denuncian que esta actitude é contraria ao desenvolvermento habitual de calquera cámara de representante nos "réximes democráticos parlamentares" e instan a que a máxima autoridade do poder lexislativo actúa para que non continúe a acontecer. 

Comentarios