18-F

Formoso promete pór solución ao "caos na mobilidade" do transporte público galego

O PSdeG comprométese a recuperar liñas e frecuencias de autobús
Valentín González Formoso, esta terza feira, en Ferrol. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Valentín González Formoso, esta terza feira, en Ferrol. (Foto: Nós Diario)

O secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso, catalogou esta terza feira de "caos na mobilidade" o transporte público por estrada nas concesións da Xunta da Galiza, que, segundo o socialista "ten moi cabreada a cidadanía e absolutamente con razón".

Nunha comparecencia na estación de autobuses de Ferrol, en compaña doutros representantes socialistas da comarca, sinalou que "a Xunta aprobou unhas concesións de transporte que deixan fóra de xogo a practicamente toda a cidadanía", con "cada vez menos frecuencias, co rural absolutamente abandonado" e que "practicamente todas as frecuencias que había antigamente foron eliminadas". 

No ámbito metropolitano e urbano detallou que "falta en toda A Coruña un consorcio metropolitano que garanta unha mobilidade ás traballadoras das vilas que rodean a cidade e que se conecten cos polígonos industriais", mentres que "hai problemas constantes coa liña Ferrol-A Coruña por Betanzos e por Pontedeume, que suprime frecuencias, que moitas veces a mocidade que vai ás universidades fica na plataforma porque non hai autobuses suficientes". 

Ante este panorama, González Formoso asegurou que "a proposta do PSdeG vai ser recuperar as paradas e as frecuencias anteriores á última concesión da Xunta, un gran desafío para nós e unha aposta polo autobús no ámbito urbano e no rural", para desta maneira "recuperar esa mobilidade e ese servizo público, que para nós vai ser unha absoluta prioridade". 

Igualmente, o socialista afirmou que a liña de tren Ferrol-A Coruña "será prioritaria". 

Comentarios