18-F

Besteiro fixa como reto do seu Goberno que a industria acade 20% do PIB

O candidato do PSdeG á Presidencia da Xunta expuxo á CEG as súas políticas para impulsar a economía galega cun “plan claro e definido en cinco eixos: enerxía, industrialización, colaboración publico-privada, rede laboral e rede social”.

besteiro patronal vieites
photo_camera Juan Manuel Vieites e Gómez Besteiro (Foto: Nós Diario)

O candidato do PSdeG á Presidencia da Xunta da Galiza, José Ramón Gómez Besteiro, expuxo esta segunda feira á Confederación de Empresarios de Galiza e ao seu presidente, Juan Manuel Vieites, os eixos fundamentais do que será a súa política económica que, entre outros, pasa polo obxectivo de que a industria acade un peso de 20% do PIB galego no seu mandato como presidente.

Besteiro explicou que as súas políticas para impulsar a economía galega e sacala do seu actual estancamento contan cun “plan claro e definido en cinco eixos: enerxía, industrialización, colaboración publico-privada, rede laboral e rede social”.

Na xuntanza, e segundo indica o PSdeG nun comunicado, “coincidiron na diagnose do enorme potencial do noso país para medrar na economía e xerar emprego de calidade, e lamentaron que os datos deste último período non inviten ao optimismo xa que demostran que a Galiza non avanza ao ritmo que podería, nin medra coa mesma forza que a media española”.

Besteiro apostou por “aproveitar ese novo marco comunitario e español para a reindustrializaicón, a modernización e a cohesión territorial vai pesar dunha forma definitiva e márcanos o obxectivo que é do de subir eses 5 puntos no PIB do peso industrial. Que creo que vai vir tamén do man do apoio desas iniciativas europeas, ese Plan de Recuperación, eses fondos de Europa -e do Estado, tamén- aproveitalos para que na Galiza aumente o peso industrial que creo que é no que todos estamos pola labor de traballar e sacar adiante. Un peso industrial nun marco no que vai a haber unha potencia enerxética para a Galiza espectacular”

O principal problema que ten a Galiza, dixo Besteiro, é a perda poboacional, polo que o obxectivo imprescindíbel pasa por crear, reter e atraer talento.

AVE Vigo-Porto-Lisboa

O candidato do PSdeG tamén falou das infraestruturas, con especial fincapé na polémica sobre o AVE a Portugal, “pola que o PP de Feixoo e Rueda nunca fixeron nada”.

Foi o actual Goberno estatal, asegurou, presidido por Pedro Sánchez o que recuperou este proxecto que Besteiro considera “prioritario e irrenunciábel” polo seu alto potencial demográfico e económico xa que case a metade dos movementos transfronteirizos (47%) se realizan a través do Miño.

Besteiro sinalou que “ tras varias reunións que mantiven cos empresarios estes días, é claro que a conexión sur do noso tren, que una con alta velocidade Vigo con O Porto e Lisboa é irrevogábel. Contamos co apoio dos gobernos socialistas de España e Portugal e non é negocábel”.

Comentarios