18-F

O PSdeG denuncia que a día de hoxe máis de 200.000 persoas agardan por unha primeira cita hospitalaria

Patricia Iglesias denuncia as listas de espera “trampa” coas que Rueda trata de ocultar a “realidade catastrófica que sofren os galegos e galegas en materia sanitaria”

psdeg torrado
photo_camera Patricia Iglesias e Julio Torrado (Foto: Nós Diario)

Os candidatos do PSdeG ao Parlamento galego Patricia Iglesias e Julio Torrado advertíron Alfonso Rueda que a sanidade pública galega “non está á venda”. Fixérono nunha comparecencia na que incidiron sobre o “colapso e o desmantelamento” do sistema sanitario tras quince anos de xestión “nefasta e ineficiente de Feixoo e Rueda”, que se exemplifica en que na Galiza “hai a día de hoxe máis de 200.000 persoas agardando por unha primeira cita hospitalaria ou 11.000 nenos e nenas sen un pediatra asignado”.

Por estes motivos, a número 1 pola Coruña anunciou a participación do candidato á presidencia da Xunta do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro e dos socialistas galegos na manifestación que organiza en Compostela o vindeiro domingo o colectivo SOS Sanidade Pública.

Patricia Iglesias puxo o foco no deterioro da Atención Primaria, lembrando que “somos a segunda comunidade con menos investimento nesta área” o que deriva en situacións continuas de “máis de 15 día para ver ao médico de cabeceira”.

“É inxustificábel, a xente ten que saber que a sanidade é un dereito que lles pertence independentemente da idade, a condición social, ou o lugar no que vivan, por iso é importante saír o domingo á rúa”, afirmou.

A candidata tamén denunciou as listas de espera “trampa” coas que Rueda trata de ocultar a “realidade catastrófica que sofren os galegos e galegas en materia sanitaria”.  Así, explicou que a Xunta só computa como tempo de agarda o que pasa desde que se marca en axenda unha cita para unha consulta, proba ou cirurxía, mais non conta o tempo que pasa ata que o paciente recibe a chamada para fixar esa cita.

Pola súa parte, Julio Torrado explicou que “o sistema sanitario funciona grazas aos profesionais e a pesar dos dirixente do PP”, recordando que “levamos máis de 150 propostas parlamentarias para mellorar a xestión da sanidade pública que son rexeitadas de maneira sistemática”. O voceiro parlamentario de Sanidade incidiu na “aposta socialista por unha Atención Primaria “resolutiva, capaz e forte cunha maior dotación de recursos e capacitación”. “Temos un plan serio e solvente e ímolo executar con Besteiro á cabeza”, asegurou.

O número 4 por Pontevedra aproveitou a comparecencia para reclamar un debate especifico sobre sanidade. “Queremos saber se o PP se atreve a debater sobre unha cuestión tan fundamental para os galegos e galegas ou prefire agocharse ante a vergoña que senten das súas propias políticas sanitarias”, dixo.

Comentarios