23-X

Formoso acusa Feixoo de "pór a alfombra vermella a Vox" e chama á "reflexión" no aniversario do golpe do 36

"Hai aínda retrógrados no noso país que buscan o alzamento contra Pedro Sánchez, que buscan ese alzamento contra a democracia", dixo hoxe, 18 de xullo, en alusión ao alzamento fascista de 1936.
Valentín G. Formoso, xunto a cargos socialistas, camiño do pleno constitutivo da Deputación da Coruña. (Foto: Europa Press)
photo_camera Valentín G. Formoso, xunto a cargos socialistas, camiño do pleno constitutivo da Deputación da Coruña. (Foto: Europa Press)

O secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso, destacou esta terza feira que nestes últimos días de campaña queda claro que a sociedade "non quere un presidente que lles minta", como no caso, dixo, de Alberto Núñez Feixoo, ao que acusa de pór a "alfombra vermella" á ideoloxía ultra de Vox. O xefe de filas dos socialistas galegos pronunciouse nestes termos en declaracións aos medios antes de participar no pleno de constitución da nova corporación da Deputación da Coruña, que volverá presidir os próximos catro anos.

Na súa intervención, Formoso aproveitou para facer unha valoración dos últimos días de campaña e criticar a Feixoo polo seu incidente nunha entrevista en RTVE, na que "cando unha xornalista lle pon diante os datos, sen ningún tipo de rubor mente á sociedade española". O xefe de filas dos socialistas galegos sostivo que "cada vez máis galegos e galegas queren seguir avanzando cara adiante e non queren un retroceso coa chegada da dereita e da ultradereita".

Do mesmo modo, expuxo a Feixoo como un político que "sacou a careta" de moderado que tiña na Galiza e que queda exposto ante os medios de ámbito estatal. Así, fixo unha exposición das distintas "mentiras" do líder do PP á fronte da Xunta, e lembrou que "xa mentiu aquí" cando o ex presidente "falaba da calidade educativa despois de fechar 138 colexios" durante o seu mandato.

Tamén considerou que "Feixoo mentía á cidadanía cando falaba de melloras nas políticas sanitarias cando o que facía era investir cada vez menos en atención primaria até convertela nunha liña telefónica". Ademais, no relativo á polémica dos últimos días, asegurou que "por un puñado de votos mente aos 770.000 pensionistas da Galiza" cando afirma que o PP actualizou sempre as pensións conforme ao IPC, o que "queda acreditado que non é certo".

De cara a un posíbel Goberno do PP, asegurou que, se os populares chegan ao poder, as familias que cobran unha pensión van sufrir unha "empobrecemento" como pasou na etapa de Mariano Raxoi, advertiu. Tamén atacou un dos principais argumentos do PP para a formación de goberno, ao sinalar que o líder do PP falta á verdade cando fala de deixar gobernar á lista máis votada "cando na Galiza non aplicaba ese criterio", como no caso do concello de Ourense hai catro anos.

De igual forma, sinalou que no Estado español "tampouco o está aplicando en Estremadura e na Comunidade Valenciana", onde "se apoian en Vox para chegar ás institucións", así como nos 140 concellos nos que vai permitir que extrema dereita entre nas institucións.

Todo iso nunha intervención na que lembrou que esta terza feira é 18 de xullo, data na que en 1936 tivo lugar o golpe de Estado, denominado alzamento nacional polo bando fascista, para chamar á "reflexión". "Hai aínda retrógrados no noso país que buscan o alzamento contra Pedro Sánchez, que buscan ese alzamento contra a democracia", sostivo para asegurar que "hai quen xa está a pór a alfombra vermella a esa ideoloxía ultra é precisamente Alberto Núñez Feixoo".

Para evitalo, apelou ao voto "útil" de toda a xente que "busca avanzar, que se preocupa polas xeracións de futuro, que se preocupa polas pensións; así como a todos os traballadores que se que se preocupan por manter os seus dereitos labores e mesmo aspirar a melloralo. "A todos aqueles que queren avanzar nos dereitos sociais e consolidar os dereitos solicitados nestes últimos anos, a todos eses, claramente apelamos ao voto útil o 23 de xullo para evitar que a dereita máis reaccionaria entre nas institucións".

Comentarios