Formoso e Regueira repiten como presidente e vicepresidente da Deputación da Coruña

A institución provincial seguirá gobernada pola coalición PSOE-BNG, iniciada en 2015, até o ano 2027. O socialista Valentín González Formoso foi reelixido esta terza feira presidente da Deputación e o nacionalista Xosé Regueira, vicepresidente.
Valentín González Formoso (PSdeG) e Xosé Regueira (BNG) reeditan o Goberno de coalición na Deputación. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Valentín González Formoso (PSdeG) e Xosé Regueira (BNG) reeditan o Goberno de coalición na Deputación. (Foto: Nós Diario)

A Deputación da Coruña quedou esta terza feira oficialmente constituída sen sorpresas, de forma que a Presidencia recae por teceiro mandato consecutivo no socialista Valentín González Formoso, alcalde das Pontes, quen no seu discurso de investidura destacou como prioridades do organismo provincial o reto do despoboamento, o emprego e a protección social. O Partido Popular quedou con 14 das 31 actas da institución, mentres o PSOE retivo dez; o BNG, seis, e Alternativa dos Veciños, unha. Sae a Marea Atlántica, que perdeu o único representante que tiña no anterior período.

González Formoso inicia unha nova etapa "con responsabilidade, gratitude e ilusión", tal e como manifestou ao comezo da súa intervención após ser investido presidente da Deputación da Coruña por maioría absoluta, con 17 votos a favor —PSOE, BNG e AV— e 14 en contra —PP—. O seu vicepresidente será, novamente, o nacionalista Xosé Regueira, que tamén repite nun cargo ao que chegou en 2019, substituíndo naquel momento a actual alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín.

Á Presidencia da Deputación tamén optou esta terza feira o 'popular' Evaristo Ben, que obtivo só os 14 votos do seu partido. Após consumarse o triunfo na votación da coalición entre o PSdeG-PSOE e o Bloque, Formoso renovou o seu compromiso de "promover a prosperidade na provincia", idea que, asegurou, "vertebrou a acción de goberno á fronte da Deputación nos últimos oito anos".

O presidente reivindicou, aliás, "a mellor política" baseada no respecto e o diálogo "fronte á confrontación permanente, os vetos e as posicións dogmáticas". Tamén anunciou que traballarán por unha provincia "do futuro, industrial e rural, cohesionada social e territorialmente; unha A Coruña dixital e innovadora".

Após repasar algunhas das medidas dos seu oito anos á fronte do Goberno, entre os principais obxectivos para o presente mandato destacou "vencer o reto poboacional e demográfico" e "axudar a voltear a pirámide poboacional na Galiza desde A Coruña". "O noso obxectivo é subliñar a cooperación cos municipios, impulsar o emprego e revitalizar o rural", dixo.

De igual modo, recalcou a "aposta social" da institución, así como o seu compromiso "inquebrantábel" na loita contra a violencia de xénero. Outro dos proxectos anunciados polo presidente é a construción e posta en marcha do 'Coruña Estudo Inmersivo' (CEI), o maior estudo audiovisual virtual de todo o Estado español, que se situará na Cidade das TIC.

Valentín González Formoso encarreira o seu terceiro mandato na institución provincial. (Foto: M. Dylan / Europa Press)
Valentín González Formoso encarreira o seu terceiro mandato na institución provincial. (Foto: M. Dylan / Europa Press)

Colaboración coa Xunta

Após a sesión constitutiva na Coruña, en declaracións aos medios, o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, agradeceu a González Formoso "a man tendida no seu discurso para colaborar entre todas as administracións" e apelou a esa colaboración "de forma recíproca". "A Deputación é unha institución moi potente, que ten moitas competencias e moitos labores complementarios para colaborar", apostilou.

"É fundamental, e non se entendería nestes momentos que por riba da cor política que presida cada deputación non haxa unha colaboración estreita, insisto, entre administracións moi pontentes", subliñou. Con este acto, lembrou, quedan constituídas as catro institucións provinciais da Galiza e, por tanto, "a arquitectura institucional despois das [eleccións] municipais de maio queda completada". "Queda empezar a traballar", concluíu Rueda.

Comentarios