Formoso censura a "insensibilidade" da Xunta, "con orzamentos sen medidas que consideren a carestía de prezos"

"Como presidente da Deputación da Coruña, nunca tiven unha soa chamada do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, dunha persoa que hoxe se presenta como home de Estado", cuestionou.
A ministra e portavoz do Goberno español, Isabel Rodríguez, a alcaldesa da Coruña, Inés Rei, e o secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso.
photo_camera A ministra portavoz do Goberno español, Isabel Rodríguez; a alcaldesa da Coruña, Inés Rei, e o secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso. (Foto: Nós Diario)

O secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso, censurou este domingo na Coruña a "insensibilidade" da Xunta, "cuns orzamentos sen ningunha medida en beneficio da cidadanía que teña en conta a carestía dos prezos". Así se expresaba durante a inauguración da 'Xornada Municipalista de Cohesión Social na Coruña', onde estivo acompañado pola ministra de Política Territorial e portavoz do Goberno estatal, Isabel Rodríguez, e a alcaldesa da Coruña, Inés Rei, entre outros.

Alí reivindicou un Partido Socialista que "afrontou o peor período deste país despois da guerra civil, a pandemia, que aínda que xa parece esquecida, foi un momento difícil que puxo en cuestión todo o sistema". Nese momento, censurou, os populares "foron capaces de pór paus nas rodas a un Goberno que daba a cara cada día". "Como presidente da Deputación da Coruña, nunca tiven unha soa chamada do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, dunha persoa que hoxe se presenta como home de Estado", rememorou.

"Dun moderado", dixo, "cuxa primeira medida no Senado foi ordenar votar en contra dunha medida lexislativa que prohibía o acoso ás mulleres que querían interromper o seu embarazo voluntariamente". Formoso censurou "esa insensibilidade, esa intención escura de volver a tempos escuros, de deixar de lado o mellor da Unión Europea e o progreso dunha sociedade". "Non se pode ser así de retrógrado", afirmou.

Aliás, defendeu as medidas impulsadas polo Executivo estatal como a suba das pensións, "para o que tivo a valentía de aguantar á dereita mediática e económica", a eliminación do IVE da luz ou o incremento do salario mínimo. Namentres, contrapuxo, "a Xunta móstrase absolutamente insensíbel a esta situación, cuns orzamentos sen ningunha medida en beneficio da cidadanía que teña en conta a carestía dos prezos".

A Coruña como "modelo de cidade"

A alcaldesa da Coruña arrincou a súa intervención chanceando co día de celebración das xornadas, domingo de Entroido. "Confesade que viñestes para pór a proba a resistencia dos galegos, que podemos celebrar o Entroido e madrugar para estar aquí, debatendo sobre municipalismo", comentou.

Inés Rei puxo como exemplo de políticas municipalistas as levadas a cabo polo seu propio goberno desde 2019 coa idea de que "A Coruña recuperase a súa posición de referencia, volvese estar no mapa como unha cidade modelo, innovadora e de vangarda, pero que no seu ADN leve a política social; que fose un espello no que se mirasen outras cidades".

Por iso non considera "casual" que as xornadas sobre municipalismo decorran na cidade herculina, "onde se implantaron medidas innovadoras en moi pouco tempo". "Ampliáronse os carrís bici e rebaixouse o prezo do transporte público, algo que a Xunta non considerou importante e no que non colaborou", lamentou. Tamén nesta liña reivindicou o Plan de Recuperación Económica e Social da Coruña (Presco), con máis de 20 millóns de euros mobilizados en axudas directas "con recursos propios do Concello e con cero euros achegados pola Xunta".

A nivel estatal, precisou que este foi "un mandato diferente" no que o Goberno tivo que lidar "cun dos momentos máis difíciles, a Covid", que necesitou dun sistema público a todos os niveis, tamén a Sanidade, que se viu sometida ao maior test de tensión da historia recente e que é unha competencia exclusivamente autonómica".

Rei puxo tamén en valor a futura sede da Axencia de Intelixencia Artificial (Aesia) na Coruña e destacou a "aposta importante do Goberno de Pedro Sánchez" por "descentralizar e dar visibilidade a todas as cidades". "Iso tamén é cohesión social e apostar polo municipalismo", apostilou.

Comentarios